Patricia Argerey visitou en Vigo Ingeniería Insitu

Compartir

A Xunta destaca a oportunidade que supón para as pemes galegas o Polo Aeroespacial 2025 e a nova licitación para seleccionar socios estratéxicos

 

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou Ingeniería Insitu, que colabora en varios proxectos do Polo Polo Aeroespacial 2025

Permanece aberta ata o 10 de setembro a licitación para a selección de entre catro e oito socios estratéxicos e tecnolóxicos do Goberno galego para os próximos cinco anos, no que se pretenden desenvolver preto de 80 proxectos de I+D

Para facilitar a participación das pequenas e medianas empresas galegas, está dispoñible un directorio online de todos os axentes que participaron no Polo Aeroespacial de Galicia ata agora

 

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou en Vigo a empresa Ingeniería Insitu, peme que tamén conta con sede en Lugo e que colabora co Polo Aeroespacial de Galicia, o que lle permitiu xerar 21 empregos nos proxectos acometidos no marco da iniciativa. Así, Argerey quixo destacar a oportunidade que supón para as pemes galegas este Polo, o cal involucrou a 28 empresas no período 2015-2020, 23 delas de orixe galego (un 82%), que acadaron unha facturación de 26,2 millóns de euros –936.000 euros de media para cada empresa–.


Neste sentido, a directora de Gain lembrou que o pasado 9 de agosto a Xunta de Galicia abriu o período de licitación para asinar acordos de asociación, a través dun investimento de 40M€, con entre catro e oito socios estratéxicos e tecnolóxicos para desenvolver arredor de 80 proxectos de I+D na nova etapa do Polo Aeroespacial 2021-2025. O prazo de presentación de propostas estará aberto ata o vindeiro 10 de setembro.

Aínda que a licitación está enfocada a grandes empresas –unha participación necesaria para fortalecer o ecosistema e situar a Galicia como Polo Aeroespacial de referencia–, agárdase que produza un efecto tractor sobre 80 pemes galegas e multiplicar así a capacidade tecnolóxica galega. De feito, durante a etapa anterior da iniciativa, o 81% da facturación das pequenas e medianas empresas produciuse no marco do programa conxunto de I+D, no que a Xunta de Galicia se asociou con tres empresas tractoras (Indra, Babcock e Boeing).
Así, para facilitar a participación das empresas galegas nas propostas que se presenten á licitación aberta, está dispoñible na web da iniciativa un directorio de todos os axentes que participaron no Polo Aeroespacial de Galicia ata o de agora, tanto empresas como centros de coñecemento e administracións.

Desde a súa posta en marcha en 2015, o Polo favoreceu a chegada ao mercado de 60 solucións tecnolóxicas e produtos, como sistemas para a xestión de incendios, mostraxe de augas en encoros e atención de peregrinos con paradas cardio-respiratorias no Camiño de Santiago.
Grazas a esta participación, as empresas galegas participantes na iniciativa viron reforzadas as súas capacidades tecnolóxicas e industriais e abriron oportunidades para a diversificación e a orientación cara a un sector con gran potencial de futuro.

Iniciativas con selo galego

Ingeniería Insitu foi unha das empresas participantes no Polo Aeroespacial de Galicia na etapa 2015-2020. Por un lado, colaborou con Indra no desenvolvemento dun módulo de inxestión e tratamento de datos xeoespaciais dentro do Centro de Misión e Procesado de Datos.
Tamén se uniu ao Programa de Solucións do Polo, xunto a Cartogalicia e Sixtema, na creación dunha plataforma que permite a integración de todos os datos xeorreferenciados capturados co fin de que sexan accesibles aos usuarios de aplicacións de información xeográfica. Así mesmo, Insitu resultou adxudicataria do proxecto Primare-inspeccións intelixentes avanzadas, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), no que levou a cabo un sistema de xestión de información xeorreferenciada para o control da actividade agraria en Galicia.
Ademais, esta peme galega é unha das impulsoras do proxecto Freedron –que permite a captura de datos xeorreferenciados con drons–, integrado no programa de incubación da segunda edición da aceleradora especializada no sector aeroespacial, a Business Factory Aero (BFAero).