19 julio, 2021
obaixoulla.gal é un proxecto participativo que nace do movemento asociativo desde a súa base. A idea parte da Asociación Cultural Os Penoucos, unha asociación que leva fomentando a lingua e cultura galega desde o 2006, responsable da xestión da páxina web e das redes sociais do proxecto.
obaixoulla.gal é un proxecto colaborativo. A información recollida é enviada principalmente por persoas vinculadas a esta comarca, sexan ou non residentes. De forma individual ou desde distintos colectivos ou asociacións chegan textos, recortes de prensa, fotografías e toda clase de documentos privados que logo son integrados na web, dando sempre visibilidade aos participantes.
A intención que manteñen é construír un relato territorial baixo unha metodoloxía participativa. Así, buscan que todos e todas incorporen os diferentes elementos a este mapa e catálogo para comprender, reflexionar e sinalar aspectos da nosa realidade cotiá, histórica e colectiva.
Este proxecto é un traballo comunitario, unha forma de facer que noutrora definiu a vida das persoas e das comunidades. As súas accións buscan o equilibrio e poñen no centro a vida e ás comunidades.
A web: contidos
A web permite o acceso aos elementos a través dun catálogo no que se poden activar filtros segundo tipoloxía e concello, ou a través dun mapa. Este mapa web componse de 10 capas, que inclúen 3.375 elementos, repartidos da seguinte maneira:
– Arqueoloxía: castros, petróglifos castelos, mámoas, túmulos, xacementos, marcos medievais, camiños históricos, paisaxes culturais, portos, necrópoles, gravados, aras, sartegos…
– Arquitectura relixiosa: igrexas, ermidas, conventos, santuarios, capelas…
– Elementos relixiosos: cruceiros, cruces, petos de ánimas, calvarios, vía crucis…
– Arquitectura civil: pazos, casas reitorais, muíños de vento, escolas unitarias, escolas da emigración, xardíns, estacións de tren, casas grandes, vivendas singulares…
– Obra civil: pontes, pontellas, portas, pombais, palcos de música, túneles, reloxos de sol, esculturas…
–Arquitectura industrial: patrimonio industrial, telleiras, embarcadores, fábricas de cerámica, alfolís, diques, minas, barreiras…
– Hórreos: hórreos, eiras…
– Arquitectura da auga: pesqueiras, fontes, lavadoiros, muíños, bombas de auga, pozos, presas…
– Espazos naturais: ríos, brañas, canóns, illas, fervenzas, lagoas, enseadas, robledal, puntas, praias…
– Panorámicas: miradoiros, montes…
O proxecto ten como obxectivos principais valorizar e socializar o patrimonio, así como o libre acceso e uso das TIC e da información dispoñible, a través do uso de software libre, ademais de construír un proxecto colaborativo e participativo ao longo do tempo. Dar visibilidade ao território e às suas comunidades.
Alerta