Paula Carballeira adestra a futuros narradores orais no obradoiro ‘Reinventar a tradición con sentido do humor’

Compartir

A Semana da Muller e Cultura organizada pola Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía continúa mañá coa celebración dun obradoiro sobre técnicas de narración oral que impartirá toda unha experta na materia, a actriz galega Paula Carballeira. Co título “Reinventar a tradición oral” esta conta contos profesional ilustrará aos asistentes sobre como enfocar e sacar o mellor partido á tradición dende unha perspectiva cómica e, neste caso, aproveitando para romper esterotipos sexistas.

O obradoiro celebrarase mañá pola mañá na sala de conferencias do Auditorio dende ás dez da mañá ata as dúas da tarde, está orientado a maiores de 20 anos e, aproveitando o humor, a retranca e algunhas que outras tradicións, ensinará aos asistentes a crear un discurso oral cómico e collido dende unha perspectiva de xénero.

A Semana Muller e Cultura organizada pola Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía co obxectivo de poñer en valor e visibilizar o papel e o traballo das mulleres creadoras no eido cultural, clausuraranse o venres 24 coa obra de teatro “Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva”, unha comedia a cargo da compañía teatral Olivas Negras que se representará ás 20.30 horas no Auditorio. Dirixida por Marián Bañobre e interpretada por Sonsoles Cordón e Cecilia Vázquez, conta unha historia de autosuperación e empoderamento feminino, en clave de humor, na que o público tamén terá ocasión de observarse e viaxar coas protagonistas. A entrada para asitir a este espctáculo é libre e de balde ata completar aforo. Requirirase reserva previa a través de ataquilla.com