8 febrero, 2025
O PSdeG-PSOE da provincia renova a súa representación no Congreso dos Deputados coa renuncia que vén de materializar a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, quen o próximo martes será substituída polo alcalde da Cañiza, Luís Piña. Ámbolos dous reuníronse para analizar os avances conseguidos nesta lexislatura co Goberno máis social da historia da Democracia como a suba continua das pensións, do Salario Mínimo Interprofesional ou das becas, ademais da posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital e os bonos ao transporte público que teñen cambiado o mapa da mobilidade neste país. “Un Goberno transformador”, destacaron Fernández e Piña, “que constrúe un país máis moderno, máis competitivo e máis compacto, logrando en só sete anos que España pasara do vagón de cola á locomotora de Europa”.
Paula Fernández pecha así o ciclo que iniciou o pasado mes de abril cun balance marcado pola vocación de “trasladar a sensibilidade, a voz da veciñanza do Deza en asuntos que levaban moito tempo pendentes. No seu haber está a posta en marcha da redacción do proxecto, longamente demandado, para mellorar o deficiente enlace da AP-53 con Silleda na localidade de Lamela. Finalmente, indicou que durante estes últimos meses dispuxo dunha plataforma adecuada dende o Congreso para negociar coa SAREB a finalización dos seus edificios en Silleda e a cesión de propiedades para usos municipais.
Fernández focaliza, a partir de agora, tódolos seus esforzos na área de Obras no Rural, que pasará a depender directamente da Alcaldía. “Vou estar a pé de obra, supervisando cada paso, falando coa veciñanza, e coordinando proxectos en tempo real; quero facelo porque hai proxectos importantes en carteira e voume asegurar de que saian adiante durante os sete días da semana, polo que non podía seguir desprazándome a Madrid”.
Ademais, destacou, este período de case un ano no Congreso permitiulle abrir moitas “portas” en ministerios e organismos estatais, creando liñas de comunicación directas que van ser moi valiosas nesta segunda parte do mandato municipal. “A política debe ser útil, e para iso hai que estar no sitio axeitado no momento axeitado. Agora toca estar aquí, onde sei que podo ser máis útil, aproveitando as pontes que construímos”, rematou.
Luís Piña, despois de recoller toda a información que lle transmitiu Paula Fernández, acepta o reto “agradecido ao meu partido, pero sobre todo moi comprometido coa cidadanía”. “Esta é unha provincia de case un millón de habitantes na que hai máis de 300.000 pensionistas que están vendo incrementadas as súas pensións co IPC; traballadores aos que lle sobe o Salario Mínimo; persoas vulnerables que observan como se actualiza o Ingreso Mínimo Vital; traballadores/as que agora teñen contrato fixo; estudantes que cobran as maiores becas da historia ou pais e nais que vén mellorados os permisos por nacemento; este é o Goberno da xente e será un pracer apoialo dende o Congreso”. Un Piña que tamén subliñou que se hai bonos ao transporte e o ferrocarril cambiou o modelo de mobilidade en Galicia e en España é porque “hai un Goberno que mira á xente antes que ás siglas”.
O alcalde da Cañiza destaca que xa conta coa experiencia como deputado durante a segunda lexislatura de José Luis Rodríguez Zapatero. “Coñezo ben a mecánica de funcionamento e sei que podo compatibilizalo coas obrigas da Alcaldía e, ademais, estou determinado a aproveitar esta ventá de oportunidade a prol da veciñanza do meu concello e da provincia”.
Luís Piña subliña tamén o seu profundo coñecemento de toda a provincia e moi especialmente do Sur “dende os concellos máis pequenos ao máis grande”, pero destaca, ante todo, que “o case millón de persoas que vivimos nesta provincia non queremos nin máis recortes nin máis retrocesos nas melloras sociais, nas cousas que melloran a calidade de vida da clase traballadora, das persoas que cobran unha pensión ou das que aínda están formándose e aspiran a incorporarse ao mercado laboral”.
Alerta