Peche da segunda parcela do estacionamento do Pavillón dos Deportes para reparar o firme

Compartir
Peche parcela. Fonte: Concello

Será mañá pola mañá, e logo do acondicionamento permanecerá sen uso dez días para que a compactación do terreo sexa máis duradeira.

 

A segunda parcela do estacionamento de bordo fronte ao Pavillón Municipal dos Deportes pecha mañá para someterse a unha nova reparación do firme. O pasado luns o departamento de Mobilidade que xestiona Demetrio Gómez, abriu a primeira das explanadas unha vez que se reparasen as fochancas cun tratamento brando, tal e como esixe Costas, propietaria dos terreos.

A reforma das dúas parcelas do estacionamento do Pavillón ten un custe de 47.626,06 euros e faina a empresa Covsa. Consiste na limpeza e roza de maleza que poida haber na parcela; achega de xabre, rasanteo do firme e compactación do terreo. Logo deberá permanecer sen uso entre 10 e 15 días, tal e como se fixo no estacionamento veciño ou no de Mollavao, ambos xa operativos.

O motivo deste tempo sen uso é mellorar a compactación e permitir que esta actuación branda dure o maior tempo posible. O Concello é consciente da mala situación na que quedan estas parcelas co paso dos meses e as chuvias do inverno, pero son terreos propiedade de Costas que soamente autoriza unha actuación branda, é dicir, sen asfalto, formigón ou canalización de augas pluviais que permitiría que a renovación durase máis.