
RIANXO (A CORUÑA), 01/02/2025.- El delegado del Gobierno en Galicia, Pedro Blanco, durante su intervención en la ofrenda floral a Castelao celebrado este sábado en Rianxo con motivo del 139 aniversario de su nacimiento. EFE/Xoán Rey
3 noviembre, 2025
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, defende o compromiso firme do Goberno coa protección e promoción do galego e apela á colaboración institucional como ferramenta esencial para fortalecer o uso das linguas oficiais en todo o territorio. O delegado salienta que a diversidade lingüística “é unha das maiores riquezas culturais que ten o noso país” e que o Goberno “vai seguir traballando para que falar galego sexa un exercicio pleno de liberdade e de dereitos lingüísticos recoñecidos e garantidos”.
O Consello das Linguas Oficiais reunirase esta tarde no Palacio de Miramar de Donostia/San Sebastián, presidido polo secretario de Estado de Política Territorial, Arcadi España coa participación de Pedro Blanco, que destaca que promover e protexer o galego e o resto das linguas oficiais é un dos piares que definen a identidade e a cultura de España, e que “defender o galego é tamén defender un país plural, aberto e inclusivo”.
O delegado do Goberno lembra que o compromiso do Goberno se materializa en medidas concretas e sen precedentes nos últimos anos como o uso das linguas cooficiais no Congreso dos Deputados, que desde setembro de 2023 permite intervir e presentar escritos en galego, catalán e éuscaro. Así mesmo, salienta o impulso para o recoñecemento das linguas cooficiais na Unión Europea, o reforzo educativo e cultural, coa LOMLOE (2020) que devolveu ás comunidades a competencia para fortalecer o ensino nas súas linguas propias, a aposta do Ministerio de Cultura polo audiovisual en linguas cooficiais e, en Galicia, o apoio á Real Academia Galega con axudas para o seu funcionamento e máis de 2,5 millóns de euros de investimento para a rehabilitación da súa sede na Coruña.
Sinala tamén o Proxecto ‘Nós’, financiado con 2 millóns de euros polo Goberno dentro do PERTE da Nova Economía da Lingua, para promover o uso do galego nas contornas dixitais e nas tecnoloxías de intelixencia artificial, así como a formación en linguas cooficiais para o persoal da Administración Xeral do Estado e o acordo entre a Real Academia Galega e o Congreso dos Deputados para a tradución de textos xurídicos ao galego, asinado este mesmo mes na Coruña coa presenza da presidenta da Cámara, Francina Armengol.
O delegado do Goberno reivindica o galego como un motivo de unión e non de división, subliñando que “as linguas deben servir para sumar, nunca para confrontar”. Neste sentido, reclámalle á Xunta de Galicia máis implicación e ambición nas políticas lingüísticas, lembrando que a situación actual do galego “é preocupante” e que os datos oficiais reflicten un retroceso histórico no seu uso, especialmente entre a mocidade. Nesta liña apela a “traballar conxuntamente e con lealdade para que o galego teña o espazo e o respecto que merece”.
Alerta