15 noviembre, 2021
Carmela Silva: “Son datos históricos dun investimento de recursos en todos os concellos e en todas as comarcas que, amais, mostran o mantra das mentiras do PP: os concellos máis pequenos son unha vez máis os máis beneficiados”.
César Mosquera: “Non hai ningún plan, sexa da Xunta, do Estado ou da Unión Europea, que faga un esforzo tan grande para fomentar e mellorar as condicións de vida dos concellos máis rurais, que teñen menos dinámica económica e social”.
Un investimento histórico de 73,5 millóns de euros para garantir dereitos e servizos na provincia e a maior inxección económica da historia da Deputación en todos os concellos e en todas as comarcas. Así se presentou esta mañá o Plan Concellos 2022, Plan que será bianual para que os municipios dispoñan xa o ano que vén dos 30,5 millóns da Liña 1 do 2023, co que a Deputación revalida o seu liderado como a administración provincial que transfire máis recursos de todo o Estado aos concellos. Os números do Plan para os 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, foron presentados pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera, que subliñaron o “enorme esforzo inversor feito para conseguir que o plan sexa a ferramenta para a recuperación social e económica tras a pandemia, e que reforza o papel da institución como a maior aliada dos concellos”.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, fixo fincapé en que “unha vez máis os concellos máis pequenos son os máis beneficiados: os números falan por si mesmos, non menten, non hai ningunha dúbida. O algodón non engana. Esta é a realidade e queda claro que as porcentaxes de investimento por habitante recalan maioritariamente nos concellos menos poboados”. Tal e como detallou, os concellos de menos de 20.000 habitantes van recibir no 2022 56 millóns de € fronte a 17 millóns € que percibirán os de máis de 20.000 habitantes. “Isto desbarata, asegurou Carmela Silva, o mantra de mentiras do PP, que asegura que abandonamos aos concellos máis pequenos. Agardo que nunca máis digan estas mentiras e que cando o digan saiban que están mentindo”. De feito fronte aos 148 euros por habitante que inviste a Deputación en Vigo e Pontevedra, nos concellos de menos de 10.000 habitantes achega 922 euros e soamente a través do Plan Concellos. “Aquí non se inclúen recursos que destinamos a través de infraestruturas, políticas ambientais, sociais, culturais, deportivas ou de igualdade. Por iso os alcaldes e alcaldesas do PP non é que estean contentos, é que dan chimpos de alegría xa que nunca pensaban que puideran ter esta inxente cantidade de recursos á súa disposición”.
Pola súa banda, Cesar Mosquera tamén deixou claro o “elevadísimo e descomunal” esforzo que o Plan Concellos supón para a institución. Neste senso, puxo como exemplo o feito de que a Deputación ten un 1,51% dos orzamentos quen ten a Xunta, “se a Xunta fixera o mesmo esforzo de transferencia aos concellos estaríamos falando dun plan de máis de 4.000 millóns”. Tamén falou do potencial que ten para “corrixir os desequilibrios territoriais” e asegurou que “non hai ningún plan -sexa da Xunta, do Estado ou da Unión Europea- que faga un esforzo tan grande para fomentar e mellorar as condicións de vida dos concellos máis rurais, que teñen menos dinámica económica e social”.
En liñas xerais, os concellos de entre 1 e 10.000 habitantes recibirán no 2022 33.075.000 €; os de entre 10.001 e 20.000 23.331.976,74 €; e os de entre 20.001 e 50.000 habitante 17.093.023,26 €. Amais, os recursos distribúense en tres liñas de financiamento: a liña 1, de investimentos, para o 2022 estará dotada con 61 millóns de €; a liña 2, de amortización e pagamento de débeda e gastos estará dotada con 3 millóns de € e a liña 3 de fomento do emprego para a conservación e o funcionamento de bens e servizos municipais contará no 2022 con 9.500.000 €.
Plan Concellos Balance 2016-2022/23: 327 millóns de euros
Desde 2016 a Deputación achegou aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes máis de 327,2 millóns de € co Plan Provincial, dos cales máis de 150,5 millóns de euros foron para os de menos de 10.000 habitantes, preto de 106 millóns de € para os de entre 10.001 e 20.000 habitantes e preto de 70,7 millóns de euros para aqueles cunha poboación comprendida entre os 20.001 e 50.000 habitantes.
Dende o 2016 e ata o 2021 os recursos do Plan Concellos fixeron posible a realización de 2.623 obras, equipamentos e actuacións no marco da liña 1 de investimentos, concretamente para vías e sendeiros, actuacións en edificios municipais, abastecemento e saneamentos, cultura, deporte, informática, actuacións en espazos públicos, vehículos e maquinaria, actuacións en alumeados e eficiencia enerxética ou humanizacións e urbanizacións. Pola súa banda, coa liña 2 os concellos da provincia puideron realizar ata 1.318 pagamentos de gasto corrente e centos de actividades, e a través da liña 3 de emprego coa financiación da Deputación crearon ata 6.075 postos de traballo nos servizos municipais.
DATOS POR COMARCAS
Comarca de Pontevedra
Os concellos da comarca de Pontevedra terán á súa disposición o próximo ano 2022 máis de 12,7 millóns de euros (12.736.985,37 €) do Plan Concellos. Poio 1.805.924,14 €; Cerdedo-Cotobade 1.271.880,66 €; Marín 1.766.355,04 €; Caldas de Reis 1.276.942,90 €; Ponte Caldelas 998.898,62 €; Cuntis 961.314,43 €; Vilaboa 902.947,94 €; A Lama 834.477,48 €; Moraña 835.594,94 €; Barro 760.778,64 €; Portas 669.084,31 €; Campo Lameiro 652.786,27 €. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, nestes 6 anos na comarca ascende a máis de 51,8 millóns de € (51.868.163 €).
Comarca de Vigo
Os concellos da comarca de Vigo terán á súa disposición máis de 14 millóns de euros (14.059.730,98 €) do Plan Concellos. O Porriño 1.751.839,94 €; Nigrán 1.742.384,50 €; Redondela 1.992.862,68 €; Gondomar 1.715.162,93 €; Mos 1.673.275,31 €; Baiona 1.600.718,78 €; Salceda de Caselas 1.199.271,67 €; Soutomaior 991.836,81 €; Pazos de Borbén 715.511,41 €; e Fornelos de Montes 676.866,95 €. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, nestes 6 anos na comarca ascende a máis de 56,3 millóns de € (56.372.242 €).
Comarca do Salnés
Os concellos do Salnés terán á súa disposición o próximo ano 2022 máis de 14,4 millóns de euros (14.416.707,66 €), do Plan Concellos. Vilagarcía de Arousa 2.392.420,42 €; Sanxenxo 1.998.999 €; Cambados 1.640.594,15 €; O Grove 1.375.641,18 €; Vilanova de Arousa 1.315.854,28 €; Valga 972.377,02 €; Meaño 896.072,72 €; Meis 854.678,31 €; Ribadumia 838.941,87 €; A Illa de Arousa 750.741,14 €; Catoira 739.512,92 €; e Pontecesures 640.874,65 €. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, nestes 6 anos na comarca ascende a máis de 57,4 millóns de € (57.438.176 €).
Comarcas de Deza e Terra de Montes
Os concellos de Deza e Terra de Montes terán a súa disposición o próximo ano 2022 máis de 11,2 millóns de euros (11.241.250,81 €) do Plan Concellos. A Estrada 2.665.724,46 €; Lalín 2.611.449,77 €; Silleda 1.397.473,15 €; Vila de Cruces 1.149.912,17 €; Forcarei 972.506,43 €; Rodeiro 904.853,61 €; Agolada 900.034,97 €; e Dozón 639.296,25 €. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, nestes 6 anos na comarca ascende a máis de 45 millóns de € (45.448.937 €).
Comarca do Baixo Miño
Os concellos da comarca do Baixo Miño terán á súa disposición o próximo ano 2022 máis de 7,1 millóns de euros (7.117.370,07 €) do Plan Concellos. Tomiño 2.133.541,31 €; Tui 1.813.943,20 €; A Guarda 1.359.945,46 €; O Rosal 1.011.438,85 € e Oia 798.501,25 €. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, nestes 6 anos na comarca ascende a máis de 28 millóns de € (28.012.462 €).
Comarca do Morrazo
Os concellos do Morrazo terán á súa disposición no 2022 máis de 5 millóns de euros (5.082.318,69 €) do Plan Concellos. Cangas 1.926.326,19 €; Moaña 1.730.843,88 €; e Bueu 1.425.148,62 €. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, nestes 6 anos na comarca ascende a máis de 20,2 millóns de € (20.208.827 €).
Comarcas do Condado e da Paradanta
Os concellos do Condado e A Paradanta terán á súa disposición o próximo ano 2022 preto de 9 millóns de euros (8.845.636,42 €) do Plan Concellos. Ponteareas 1.986.044,76 €; Salvaterra de Miño 1.346.490,24 €; A Cañiza 966.355,18 €; As Neves 946.342,33 €; Mondariz 902.150,59 €; Covelo 798.847,64 €; Arbo 750.982,15 €; Crecente 692.025,11 € e Mondariz-Balneario 456.398,42 €. O balance dos investimentos, só do Plan Concellos, estes 6 anos na comarca ascende a preto de 35 millóns de € (35.037.173 €)
Alerta