Poesía contra a violencia de xénero en Ponteareas

Compartir
Ponteareas 25N . Fonte: Concello

A Corporación Municipal, o colectivo Versos de Area e o alumnado de igualdade do IES Val do Tea, así como a veciñanza, denunciou hoxe a violencia machista con poesía.

Ponteareas denuncia a violencia de xénero con cultura.

 

Hoxe nun acto diante da Casa do Concello todas as forzas políticas da Corporación leron un manifesto que chegou acompañado de poesía reivindicativa. As integrantes de Versos de Area e o alumnado de igualdade do IES Val do Tea mostraron cos seus versos que “a violencia machista é un grave problema de estrutura social”, con grandes resultados, xa que o Goberno local quere destacar a gran calidade dos seus traballos.

 

Ponteareas 25N. Fonte: Concello

 

Durante o acto a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, denunciou que a pandemia atravesa de forma moi intensa a realidade das mulleres, un dos sectores máis afectados da nosa sociedade, “invisibilizando que a violencia machista continuou connosco. Asociacións de mulleres, institucións e profesionais de diferentes ámbitos coinciden na grave afección das medidas de confinamento e de restrición de actividade e mobilidade social para a actuación sobre a violencia machista e o grave risco para milleiros de mulleres”.

 

Ponteareas 25N. Fonte: Concello

 

A concelleira de Igualdade, Verónica Carrera, tamén indicou que en Ponteareas “sinalamos a necesidade dunha abordaxe global e profunda, con liñas de acción sobre todas as formas do maltrato, requirimos recursos económicos e humanos para a implementación de proxectos de axuda e empoderamento das mulleres, demandamos a mellora e prioridade das políticas e leis a favor do desenvolvemento das mulleres, garantindo a súa aplicación en calquera espazo, e subliñamos o valor das mulleres no desenvolvemento social, económico, intelectual e humano e,por tanto, a necesidade de asegurar a súa participación plena e efectiva en todos os niveis de liderado e decisorios da vida política, económica e social, tanto pública como privada”.