21 septiembre, 2021
Ao abeiro da Semana Europea da Mobilidade, o Concello de Ponteareas deu un paso máis na recuperación do espazo público para as persoas, convertendo a Praza Maior nun lugar sen vehículos a motor.
Ata o de agora os coches podían acceder libremente á Praza Maior os días laborábeis entre as 06.00 e as 16.00 horas e incluso estacionar na zona situada perante a Seguridade Social. Deste xeito, durante boa parte do día numerosos vehículos utilizaban a Praza Maior como itinerario de paso dende a rúa Santa Ana cara a rúa dos Ferreiros pola Calexa. A pesares de dispoñer do aparcadoiro público e gratuíto de Santa Ana con 100 prazas dispoñíbeis a menos dun minuto, eran moitos os vehículos que estacionaban ocupando unha ampla zona da praza.
Coa nova regulación que entra en vigor este mércores 22 de setembro, Día Europeo sen Coches, a Praza Maior converterase “nun lugar seguro e tranquilo para o desfrute das persoas, especialmente dos nenos e nenas, pais e nais e persoas maiores que enchen este espazo público a diario e que viñan demandando rematar coa circulación innecesaria, na maior parte dos casos, de vehículos pola praza”, segundo explicou o Concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera.
Segundo os datos rexistrados pola Policía Local, en días laborábeis unha media de 150 vehículos acceden á praza entre as 08.30 e as 13.30 horas, é dicir, un coche cada 2 minutos de media, dos que a metade o fan unicamente para atravesala cara a rúa dos Ferreiros.
A regulación que se aplicará é a mesma que regula o acceso a outras zonas peonís da vila como a rúa da Esperanza ou República Arxentina. Poderase entrar na praza con vehículo a motor para acceder a garaxes. Ademais, os residentes sen garaxe e os comerciantes e a clientela poderán facelo para descargar ou recoller obxectos voluminosos cando non sexan transportábeis a pé. Tamén se poderá acceder para deixar ou recoller a persoas con mobilidade reducida.
Por último, estará permitida a carga e descarga de mercadorías e repartos en horario de 08.00 a 15.00 horas. A parada para todas esas necesidades farase polo tempo imprescindíbel, non superior a 15 minutos, ampliabel en casos xustificados previo aviso á Policía Local. A parada poderá realizarse o máis preto do destino e o acceso á Praza farase polo itinerario máis curto, dende Esperanza, Santa Ana ou San Xoaquín, segundo cada caso. Os vehículos autorizados deberán circular a 10 km/h como máximo, dando sempre prioridade aos peóns e garantindo unha separación mínima coas persoas de 1,5 metros. A Policía Local comprobará se a presenza de vehículos na praza se corresponde cos supostos autorizados e polo tempo permitido, polo que non será necesario expedir tarxetas de autorizados.
Mera sinalou que “con esta medida avanzamos no novo modelo de mobilidade sustentábel e saudábel, nunha vila onte todo está a menos de 10 minutos camiñando, e onde se ofrecen case 1.000 prazas de aparcamento, ademais das existentes en rúas e avenidas para as persoas que precisan o vehículo para desprazarse ata o centro urbano”.
Alerta