25 septiembre, 2021
Comezarán a súa actividade en outubro, durarán nove meses e incluirán a posibilidade de realizar prácticas en empresas ao remate da formación.
40 persoas desempregadas de Ponteareas e As Neves poderán acceder a dous obradoiros de emprego dual que comezan en outubro na vila do Tea, un centrado na atención sociosanitaria de persoas dependentes e outro que formará ao alumnado na realización de actuacións forestais, que se porán en práctica no parque da Picaraña de Ponteareas e no Chan de Vide das Neves. Estas accións formativas contarán cun orzamento de 347.000 euros que financia a Xunta de Galicia.
Estes obradoiros son a continuación de dúas formacións similares que ambos Concellos impartiron durante os últimos meses. A Alcaldesa, Cristina Fernández, e o Alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, mostráronse “moi contentos de poder ofrecer esta oportunidade laboral á veciñanza”, nunha visita ao alumnado dos obradoiros duais que rematan este mes en Ponteareas e As Neves.
Ademais, destacan que as accións formativas inclúen a posibilidade de prácticas en empresas ao remate da formación, o que supón “unha grande oportunidade de incorporarse ao mercado laboral”.
A formación no ámbito sociasanitario preparará ao alumnado para atender a persoas dependentes no domicilio, aprenderán un conxunto de ferramentas de atención dende unha perspectiva integral e normalizadora para atender a persoas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou sufran casos de desintegración familiar. A formación será tamén para o traballo en institucións sociais, os/as alumnos/as durante o servizo deberán aplicar os coñecementos adquiridos na súa estancia na residencia de maiores Santa Ana, e no complexo residencial de atención a persoas dependentes de Vigo.
A formación en actuacións forestais consistirá en realizar as operacións auxiliares necesarias para a conservación e mellora do monte, para a repoboación forestal, para a corrección hidrolóxico-forestal e a execución de tratamentos silvícolas no Parque Forestal da Picaraña (Ponteareas), e no Chan de Vide (As Neves).
A Concelleira de Emprego e Formación, Vanesa Fernández, explica que as persoas interesadas para realizar a inscrición e pedir máis información deberán solicitar unha cita previa na oficina de emprego de Ponteareas. A Edil anima á veciñanza a asistir a esta formación porque pode ser, “unha grande oportunidade para traballar en dous sectores con moito retorno positivo na nosa contorna”, conclúe.
Alerta