Ponteareas inaugura o próximo sábado o seu Museo do Corpus a ceo aberto

Compartir
Museo Corpus. Fonte: Concello

Visitantes e veciñanza poderán desfrutar a decoración floral nos seus teléfonos móbiles a través de códigos QR repartidos nas rúas do concello.

 

O Concello de Ponteareas inaugura o próximo sábado o Museo do Corpus a ceo aberto, o primeiro de Galicia, e que grazas á tecnoloxía converterá as rúas da vila do Tea no escenario perfecto para desfrutar da arte floral durante todos os días do ano.

O acto de partida terá lugar ás 17.15 horas no Salón de Plenos do Concello e rematará cunha visita guiada polo Museo a ceo aberto nas rúas de Ponteareas. As persoas interesadas en asistir ao acto deben chamar ao 637 72 43 01 ou escribir un correo a turismo@ponteareas.gal

 

Museo Corpus. Fonte: Concello

 

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, anima á veciñanza e turistas a desfrutar “do noso patrimonio cultural” escaneando con calquera dispositivo móbil os códigos QR repartidos ao longo do percorrido do Corpus. Desta maneira, destaca a rexedora, a persoa pode vivir e coñecer de primeira man “a nosa cultura e o legado dos nosos antepasados”.

A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, explica que dende o Concello optaron por esta iniciativa porque “o Corpus vívese nas rúas e non podiamos crear un museo que metera este arte floral entre catro paredes”. Neste museo poderá desfrutar dos deseños de alfombras, de vídeos, entrevistas, imaxes en 360º da rúa…

Un contido atractivo, orixinal e dinámico que dará protagonismo á veciñanza, acollerá contidos de gran valor social, perpetuará esta arte efémera no tempo e, á súa vez, potenciará a revitalización do comercio.