18 noviembre, 2021
A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, firmou hoxe o convenio que financia o programa cunha achega de 6.000 euros.
O Concello de Ponteareas renovou esta mañá o seu convenio coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheímer e outras demencias de Galicia (AFAGA), para atender ás persoas con demencia neurodexenerativa. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, asinou o acordo nunha reunión co presidente da entidade sen ánimo de lucro, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez.
O Concello financiará o programa cunha achega de 6.000 euros que permitirá a AFAGA atender ata un máximo simultáneo de dez persoas usuarias. A rexedora destaca que é o segundo ano consecutivo no que asinamos este convenio “para que as persoas maiores con demencia neurodexenerativa poidan desfrutar da mellor atención para mellorar a súa calidade de vida”.
O convenio inclúe tamén unha serie de obradoiros que teñen como obxectivos específicos manter as capacidades mentais e funcionais o máximo tempo posible, evitar a desconexión e fortalecer as relacións sociais, facilitar un descanso ós coidadores e as súas familias e mellorar o seu estado emocional. Estas actividades desenvolveranse no Centro Asprodico do Concello de Ponteareas na rúa Canedo.
A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, “quere agradecer a AFAGA o seu traballo pola saúde dos e das nosas maiores”, e lembra que no Concello “sempre camiñaremos da man das asociacións que traballan para mellorar o benestar da veciñanza”.
Alerta