Ponteareas saca a licitación a construción do muro de contención do punto limpo

Compartir
Punto limpo. Fonte: Concello

A presentación de solicitudes remata o vindeiro 25 de outubro e conta cun orzamento de máis de 180.000 euros.

 

O Concello de Ponteareas acaba de sacar a licitación a construción do muro de contención do punto limpo municipal en Alemparte, (Areas). As entidades interesadas poden presentar a súa solicitude ata o vindeiro 25 de outubro a través do Portal de Contratación do Estado. A intervención, que conta cun orzamento de máis de 180.000 euros, garantirá a seguridade da contorna da instalación municipal, construída sobre un terreo con gran desnivel e risco de desprendemento.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, expón que esta actuación é “urxente” para Ponteareas, xa que “reduce en gran medida o perigo de desprendemento, sobre todo en inverno”, e indica que durante a intervención tamén se aproveitará para levar a cabo a construción dun muro de peche que evite a entrada de persoas alleas, e animais ao punto limpo. Este discorrerá na cota superior do muro de contención, establecendo así unha dobre protección.

O punto limpo é outra das obras estratéxicas que o Concello de Ponteareas acaba de sacar adiante durante os últimos meses. Súmase a intervencións, coma a ampliación e mellora da depuradora, que farán da vila un lugar máis limpo, sostible e seguro para a veciñanza. A intervención está financiada por fondos propios do Concello e do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.