Ponteareas será este sábado a capital da música tradicional do país

Compartir
Concurso de Gaitas. Fonte: Concello

O Concello organiza a 54 edición do Concurso de Gaitas do País, unha festa musical que pechará ao grande coa actuación de Milladoiro ás 22.00 horas no parque da Feira Vella.

O Concello organiza a 54 edición do Concurso de Gaitas do País, a festa musical desta especialidade máis antiga de Galicia, e que coloca a vila como referente na promoción do folclore musical Galego.

 

O Concelleiro de Cultura, Fernando Groba, afirma que “para Ponteareas é un orgullo acoller estes eventos”, e expón que o Concurso “é unha mostra máis da nosa decidida aposta pola música que se fai no país”.

Os grupos participantes mostrarán os seus traxes tradicionais e as súas melodías nun pasarrúas que comeza ás 16.00 horas, e que vai do Concello ao Auditorio Municipal. Durante o pase o xurado decidirá os gañadores dos catro premios que reparte o concurso, os primeiros recibirán 1.800 euros, os segundos 1.200, os terceiros 900, e os cuartos 600. Ademais, cada grupo participante, agás os gañadores, recibirá unha gratificación de 300 euros. No xurado participa Xosé Ferreiros, integrante do histórico grupo Galego Milladoiro.

 

Concurso de gaitas. Fonte: Concello

 

Esta edición cumpre cun estrito protocolo sanitario e, para evitar aglomeracións, o Concello prepara un sistema en streaming, para que todas as persoas interesadas poidan desfrutar do concurso dende os seus fogares dunha maneira segura e cómoda. O evento poderá visualizarse por Youtube e no Facebook da Concellaría de Cultura do Concello.

 

Grupo Milladoiro. Fonte: Concello

 

“Para Ponteareas é unha gran oportunidade acoller este tipo de evento, xa que reforza e difunde a nosa cultura, ademais de axudar ao comercio local”, destaca Fernando Groba. No Concello quixeron reforzar o Concurso de Gaitas ofrecendo á veciñanza “un peche ao grande” co concerto do grupo gañador do concurso e de Milladoiro, unha das formacións con máis relevancia do panorama musical Galego, e que compartirá as súas melodías ás 22.00 horas no parque da Feira Vella. A entrada é de balde, pero debe ser adquirida a través dunha plataforma online.