4 octubre, 2021
A Concellería de Benestar Animal presenta o primeiro censo municipal de colonias felinas, no que se recolle a ubicación exacta e o número de exemplares de cada unha delas.
O ‘padrón felino’ tamén permite identificar ás persoas concretas que se encargan do seu coidado, de xeito que se lles poida dotar de carnés identificativos, cumprindo coa normativa autonómica.
O Tenente de Alcalde, Tino Fernández, e o Concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, presentaron esta mañá no Teatro Principal, o censo municipal das colonias felinas existentes no Concello e cuxa alimentación e control están xestionados en colaboración coas asociacións Difusión Felina e Huellas Felinas, así como coa axuda de veciños voluntarios. En base aos datos recollidos neste ‘padrón gatuno’, ao que o departamento que dirixe Rey destinou unha achega de 2.500 euros, Pontevedra acolle nestes momentos un total de 103 colonias felinas compostas por 811 gatos silvestres, que son alimentadas, coidadas e vixiadas grazas á implicación de 53 voluntarios e voluntarias.
Á marxe de dispoñer por primeira vez dunha fotografía real do número de animais e da ubicación das colonias en todo o concello, identificar ás persoas concretas que se encargan da súa xestión no que atinxe á manutención e coidado do estado de saúde dos felinos era precisamente un dos obxectivos principais da elaboración deste censo. Non obstante, a identificación dos responsables das colonias resultaba imprescindible por imperativo legal, xa que a normativa autonómica de Protección e Benestar dos Animais de Compañía prohibe expresamente a alimentación de animais abandonados vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, agás en situacións que poidan comprometer o benestar dos animais (en casos excepcionais).
Tal e como explica Tino Fernández, “a partir deste censo poderemos agora entregar os correspondentes permisos, deseñando uns carnés identificativos cuns códigos QR para que a Policía poida identificar facilmente aos voluntarios de cada colonia concreta”. Así mesmo, segundo subliña Marcos Rey, o novo rexistro municipal, “que non sería posible sen a implicación dos colectivos que levan anos traballando no coidado de gatos salvaxes de colonia, gatos domésticos abandonados, gatos que caen das ventás, atropelados ou feridos pola absoluta falta de humanidade dalgúns individuos”, será un instrumento esencial para coñecer “a evolución do estado de saúde de cada colonia, saber cales precisan dun maior control ou intervención, aplicar cunha eficacia moito maior o plan CES, (Captura, Esterilización e Solta), do Concello e simplificar o labor de control dos técnicos municipais”. “Todo estará moito máis planificado e haberá unha verdadeira coordinación entre os colectivos e os nosos técnicos”, sinalou o edil socialista.
Durante a rolda de prensa, na que participaron María José Vidueira, presidenta do colectivo Huellas Felinas, e Estela Molero, unha das responsables da asociación Difusión Felina, o tenente de alcalde subliñou a importancia deste mapa de colonias ‘gatunas’, que permitirá seguir avanzando nas políticas de benestar animal implementadas por un Concello que defende “que os animais teñan a mellor calidade de vida posible”. Ao seu xeito de entender, “coidar dos nosos animais é unha mostra de humanidade, de que avanzamos como sociedade e de que respectamos aos demais, e traballar nese eido é unha cousa que nos debe diferenciar”.
Alerta