14 noviembre, 2021
O Plan de Acción trazado a través deste proxecto será froito do debate de cinco grupos de traballo interdisciplinares ou Labs: Espazo Público, Medio Ambiente, Sociedade, Vida Saudable e Cultura.
As primeiras mesas de debate, conformadas cada unha por catro expertos na materia, terán lugar no Pazo da Cultura e a Casa da Luz entre o xoves 18 de novembro e o luns 20 de decembro.
Ademais de plasmarse nunha serie de talleres deportivos, medioambientais, etnográficos ou culturais que a empresa Marexada acaba de poñer en marcha para tódolos colexios públicos, o proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento europeo dos fondos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI), tamén contempla a elaboración dunha estratexia educativa dirixida ao alumnado de Primaria por parte da firma adxudicataria Taller Aberto, incluíndo un plan de acción que contribúa ao seu mellor desenvolvemento. Dita estratexia será froito dun debate en cinco grupos de traballo interdisciplinares ou Labs centrados nun tema concreto: Lab Espazo Público, Lab Medio Ambiente, Lab Sociedade, Lab Vida Saudable e Lab Cultura.
Tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “á marxe dos talleres que xa se iniciaron, o do Laboratorio da Infancia é un proxecto máis ambicioso, que podería definirse como un espazo de traballo no que non hai nada establecido a priori e no que serán distintos grupos de traballo (adultos), e ‘asembleas-taller’ (nenos e nenas de 8 a 12 anos), os que formulen os obxectivos dunha estratexia para mellorar a calidade de vida dun colectivo vulnerable que necesita de protección, seguridade e condicións de vida axeitadas para a súa formación integral como persoas adultas”. “Os argumentos -sinala o edil do PSOE- xirarán arredor da relación entre a infancia e cada un deses temas clave, coa finalidade de establecer un diagnóstico, un prognóstico e unhas medidas a tomar que quedarán reflectidas nun Plan de Acción”.
Cada un dos grupos centrarase no estudo dun tema definido por un equipo de coordinación. Nestes temas clave, ademais da infancia, a educación será o grande eixo transversal que sustentará tódolos debates, (en tódolos grupos haberá sempre unha persoa relacionada con este ámbito), sendo ao tempo abordados con perspectiva de xénero e carácter inclusivo.
Os primeiros encontros de traballo que se celebrarán serán o 18 e 24 de novembro, do Lab Espazo Público; o 22 e 29 de novembro, do Lab Sociedade; o 2 e 9 de decembro, da mesa de Medio Ambiente; o 9 e 16 de decembro, do Lab de Vida Saudable, e o 13 e 20 de decembro, da mesa de Cultura. Estas mesas de traballo ou labs reuniranse no Pazo de Cultura (seminarios), para tódalas datas do calendario, a excepción dos días 29 de novembro e 2 de decembro, en que se celebrarán na planta baixa da Casa da Luz, (Praza da Verdura).
Alerta