14 diciembre, 2021
Entre as intervencións inclúese a renaturalización e adaptación ao cambio climático de ámbalas marxes, desde a Ponte dos Tirantes ata o contorno da ponte do ferrocarril (As Aceñas).
A proposta impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible co respaldo da Xunta foi incluída na liña de financiamento do Goberno central, para potenciar o Camiño de Santiago.
Tras ser elixido polo Goberno de España e a Xunta para financiar o seu Plan de Sostibilidade Turística con dous millóns de euros a través dos fondos europeos Next Generation, o Concello de Pontevedra volverá beneficiarse agora dunha nova partida, neste caso dun millón de euros, para acometer o proxecto de restauración ambiental do Ben de Interese Cultural (BIC) que discorre pola ribeira do Lérez, desde a zona das Xunqueiras ata As Aceñas, incluíndo a Illa das Esculturas.
Esta intervención para renaturalizar e adaptar o contorno das marxes fluviais ao cambio climático, impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, foi incluída polo Goberno central dentro dunha das liñas aprobadas recentemente polo Consello de Ministros (a proposta da Xunta e o Concello de Pontevedra) coa finalidade de priorizar os investimentos relacionados co Camiño de Santiago e de potenciar a importancia do Xacobeo na imaxe turística de Galicia e de España.
Trátase dunha partida económica global de 22,7 millóns que se destinará ao financiamento de 12 proxectos sobre BIC en 17 concellos da nosa comunidade autónoma, centrados na recuperación do patrimonio histórico para uso turístico e enmarcados no ámbito da mellora da competitividade, ao enriquecer as ofertas turísticas dos destinos e favorecer o coñecemento do patrimonio de forma sostible e segura.
A proposta de Pontevedra, que foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal polo propio Iván Puentes e pola concelleira de Turismo, Yoya Blanco, enmárcase no Ben de Interese Cultural que se localiza nas inmediacións do río Lérez, en ámbito periurbano, desde a zona das Xunqueiras e a Illa das Esculturas, (ata a Ponte dos Tirantes), percorrendo ámbalas ribeiras do río, ata a altura da actual praia fluvial, a antiga ponte do ferrocarril e o contorno do Mosteiro de San Salvador de Lérez, tamén catalogado como BIC, (a partir dese punto, río arriba, o río e o seu contorno fluvial están considerados como unha Zona de Especial Conservación, que forma parte da Red Natura 2000).
Segundo lembrou Puentes, “o BIC foi catalogado como tal no ano 1946 polo entón Ministerio de Educación Nacional, tendo a consideración de paisaxe cultural”, e localízase en terreos de titularidade pública, “parte deles pertencentes ao propio concello de Pontevedra, sendo os restantes de Dominio Público Marítimo-Terrestre, (Dirección Xeral de Costas), e de Dominio Público Hidráulico (Augas de Galicia), se ben o mantemento e xestión ordinaria de todo o espazo público é realizada de forma ordinaria pola Administración municipal”.
“O conxunto de actuacións que se van desenvolver neste BIC -explicou o edil do PSOE- ten como finalidade recuperar e poñer en valor esta paisaxe cultural, incorporándoo como un reclamo turístico de primeira orde para a cidade e fortalecendo a conectividade e mobilidade entre o casco urbano, o contorno do Mosteiro de San Salvador de Lérez e o espazo natural de As Aceñas, así como co espazo Rede Natura Río Lérez”.
Alerta