10 noviembre, 2021
Trátase dunha iniciativa impulsada pola Concellería de Benestar Animal no marco do proxecto ‘Bo cidadán canino’, en colaboración con Diverti Cans e o colectivo xestor do refuxio.
Os coidadores dos animais da canceira e as persoas que tramiten adopcións a través de Os Palleiros terán dereito a dous meses de formación gratuíta, para aprender a educar ás mascotas.
Nun contexto no que se está debater o contido do anteproxecto da Lei de Protección e Dereitos dos Animais, Pontevedra continúa a situarse na vangarda no que atinxe á convivencia entre mascotas e humáns e ao fomento do civismo, a educación e o respecto neste eido. Trala posta en marcha este verán do proxecto ‘Bo cidadán canino, boa cidadá canina’ cunha campaña de concienciación sobre a recollida das deposicións e a limpeza dos ouriños nos espazos públicos e despois de comprobar a boa acollida e resultados que están a ter os Cursos para a Boa Cidadanía Canina, a Concellería de Benestar Animal quere agora estender esta oferta de formación gratuíta para cans e donos á directiva e voluntarios da asociación Os Palleiros, responsable da xestión da protectora municipal, e a todas aquelas persoas que realicen a adopción dun ‘peludiño’ no refuxio de Campañó.
Estas novas accións formativas, que serán desenvolvidas grazas á colaboración do colectivo animalista e da firma especializada Diverti Cans, (encargada dos cursos que o Concello ten en marcha nestes intres), foron presentadas esta mañá na protectora, nun acto que contou coa participación do concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey; a vogal e voluntaria de Os Palleiros Kely Bello, e o responsable de Diverti Cans, Carlos Souto, monitor experto no ámbito deportivo. “Os voluntarios da canceira, encargados de coidar, alimentar e pasear aos cans que habitan na protectora, e todas aquelas persoas que tramiten adopcións a través de Os Palleiros -subliñou o edil socialista- terán dereito a dous meses gratis de formación para aprender a educar ás mascotas. A idea sería que, ao igual que temos previsto facer a rematar os Cursos para a Boa Cidadanía Canina, nos que participan unha vintena de cans e coidadores, aquelas mascotas e donos que completen a acción formativa poidan recibir tamén un carné de aptitude, (título de Bo Cidadán Canino), unha vez que a completen e superen as probas esixidas”.
Rey salientou que estes cursos son o resultado dunha colaboración “altruísta, que non supón ningún investimento extra por parte do Concello”, froito do convenio existente cos Palleiros e Diverti Cans, “implicadas, ao igual que esta Concellería, na defensa do benestar animal”. Segundo afirmou o edil do PSOE, “á marxe dos pasos que se dean a partir da aprobación do anteproxecto de Lei, esta cidade aspira a ser precursora e a ter o cans e donos máis educados, respectuosos e civilizados do mundo, cuns cursos baseados nun programa de dez probas de comportamento esenciais”.
A primeira ‘promoción’ de cidadáns caninos exemplares
Carlos Souto subliñou que “con este proxecto, en Pontevedra imos por diante da lexislación que parece que vai saír e, polo tanto, estaremos preparados para homologar os nosos cursos cos de carácter obrigatorio que poidan establecerse”. O responsable de Diverti Cans fixo fincapé nas transformacións e avances acadados en donos e cans no primeiro dos cursos, que está a piques de rematar, (en decembro), e incidiu na importancia de que os cans que saian da protectora teñan a oportunidade de “ser felices” e de que os seus donos comprendan os seus comportamentos e necesidades. “O noso principal obxectivo é que a xente comprenda que un can non é un xoguete, non ten un botón para acenderse e apagarse ou un lugar para cambiarlle as pilas… Un can é de por vida, ten necesidades”, afirmou Souto.
O experto de Diverti Cans avanzou que o club e a Concellería de Benestar Animal lanzarán novos Cursos para a Boa Cidadanía Canina no mes de decembro e que os talleres para as persoas que adopten poranse en marcha “desde hoxe” e as accións formativas para a directiva e os voluntarios de Os Palleiros “entre decembro e xaneiro”. “Se esta mesma semana temos algunha adopción, matizou, esa persoa xa vai dispoñer de dous meses de adestramentos gratuítos con Diverti Cans. Ademais, non teremos a limitación que nos puñan a nivel nacional nos Cursos para a Boa Cidadanía Canina para os PPP, (Cans Potencialmente Perigosos), que parece ser que por fin isto vai desaparecer na nova Lei, e tampouco haberá requisitos de ningún tipo máis aló de que asinen a adopción coa asociación Os Palleiros”.
Pola súa banda, Kely Bello valorou positivamente a proposta realizada polo concelleiro Marcos Rey, xa que “é moi importante coñecer as orixes dos problemas que teñen os cans antes de comezar a traballar con cada un deles e existen moi diferentes tarefas a desenvolver polo seu benestar, e unha delas é o estado mental do animal, que debe ir da man da persoa que o queira axudar”. Ao seu xeito de entender, a pesar de que a maior parte da xente que adopta chega con boa vontade, “moitas veces falta un pouquiño de man ou de coñecemento á hora de abordar cuestións como facer a introducción nunha casa na que xa hai outro animal, nenos ou persoas maiores, aspectos que hai que ter moi en conta porque favorecen a estabilidade do can se se realizan do modo axeitado e, pola contra, o poden prexudicar moito a el e á familia en xeral se se fai de forma errónea”.
En base aos datos achegados pola vogal e voluntaria de Os Palleiros, no que vai de ano foron adoptados 98 cans a través da protectora de Campañó, que rexistrou a entrada de 127 animais, (a cifra de mascotas que residen nestes momentos no refuxio sitúase nuns 80 cans e hai outros 23 en acollida). En concreto, as instalacións municipais tiveron 37 entradas e 31 adopcións no primeiro trimestre de 2021, 29 entradas e 30 adopcións no segundo trimestre de 2021 e 40 entradas e 18 adopcións no terceiro trimestre, aos que hai que sumarlles 14 entradas e 15 adopcións en outubro e 7 entradas e catro adopcións no que vai de novembro. En todo este período só se rexistraron tres devolucións.
Alerta