15 septiembre, 2021
A institución aproba o apoio a dúas curtametraxes e catro longametraxes, unha delas de animación, aínda que o prazo para solicitar o patrocinio non remata ata fin de ano
Carmela Silva: “Queremos promover o audiovisual galego, unha industria potentísima onde a provincia ten que estar presente, e que ten unha gran compoñente de promoción do noso territorio”
Co obxectivo de impulsar o cinema producido na provincia, e promocionar o territorio ao través do sector audiovisual, a Deputación vén de dar luz verde aos novos patrocinios de producións enmarcados no programa “Pontevedra, plató de cinema”, que xa puxo en marcha o pasado ano. Son seis os filmes para os que neste 2021 xa se aprobou o apoio, cun investimento de 60.000 euros, aínda que o prazo para solicitalo segue aberto. De feito, a institución destina este ano ao programa un total de 90.000 euros, e o prazo de presentación para estes patrocinios non remata ata finais de ano ou se esgote o crédito.
En concreto, trátase de catro longametraxes e dúas curtas. No caso das primeiras, figura “Valentina”, da produtora Valentina la Película AIE (Abano Producións), que recibirá 15.000€, longametraxe de animación consistente nun musical especialmente dirixido ás crianzas, dirixido por Chelo Loureiro. Tamén foi subvencionada coa mesma cantidade a longametraxe Matria”, de Matriuska Producciones SL, que vai dirixir Álvaro Gago e estará protagonizada por María Vázquez, Santi Prego e Iolanda Muiños. Como destacou a presidenta, trátase dunha película co foco posto na promoción da igualdade, tanto no seu tema como na composición dos equipos técnico e artístico, cunha porcentaxe de máis do 50% de mulleres.
Por outra banda, para “San Simón”, da produtora Miramemira SL / Morelli Producciones, concedéronse tamén 15.000€. Estará dirixida por Miguel Ángel Delgado e conta cun reparto coral con actores e actrices non profesionais. E o filme “Cando toco un animal”, de Sétima Produtora (Sétima Sociedade Cooperativa Galega) recibirá 9.000€. É a primeira película do realizador Ángel Filgueira protagonizada por Lidia Veiga, Ánxela Ríos e Xulio Besteiro.
No caso das curtametraxes, son “Carraxe”, de Queima Studio, que recibirá 3.000€ e estará dirixida por Muriel Pernas, que tamén asume o guión, e que en principio prevé a participación de Mabel Rivera e Celso Bugallo; e “Sandwich Cat”, de animación, da Produtoras: Gaita Films & Dixital Monster Collective, que terá unha achega de 3.000€. A dirección e o guión desta curta para todos os públicos son de David Fidalgo Omil.
“Destinamos estes recursos –subliñou a presidenta Carmela Silva- para que esta provincia se converta nun plató de cinema. Estamos tan de moda nas Rías Baixas que hai moitas produtoras que están a gravar na provincia, particularmente na cidade de Pontevedra e Vigo pero noutras moitísimas contornas. E isto ten un enorme valor. Desde a Deputación queremos promover o audiovisual galego, porque ten un elemento de promoción do noso territori0, e porque ademais é unha aposta clara pola cultura. O audiovisual é unha industria potentísima onde a provincia de Pontevedra ten que estar presente”. A presidenta provincial lembrou que entre os requisitos do programa, figuran que os proxectos sexan en galego, que promovan e melloren a visibilidade da provincia e que teñan escenarios na provincia (ao menos o 50% do total).
No pasado 2020 os patrocinios recaeron en “Nación”, da realizadora Margarida Ledo; “Negro Púrpura”, dirixida por Adriana P. Villanueva e Sabela Iglesias; “9 Fugas”, de Fon Cortizo, e “Devolvendo o Golpe”, de Carlos Prado.
Alerta