21 noviembre, 2021
A Concellaría de Festas iniciou nestes días a instalación da decoración de luz en 83 rúas e prazas do centro, dos barrios e das parroquias para que se poida acender o 3 de decembro.
O departamento que dirixe Carme da Silva segue a facer esforzos para decorar a cidade que este ano chega a beirarmar, con elementos nos farois das avenidas das Corvaceiras e Uruguai.
Ademais da iluminación, tamén están previstas outras sorpresas en distintos puntos da cidade, que se irán coñecendo ao longo dos vindeiros días.
O Nadal chega ás rúas, prazas e barrios de Pontevedra a través dun dos elementos máis característicos destas datas: a iluminación de Nadal. As rúas empezan a vestirse cos elementos decorativos para prepararse para o día 3 de decembro, cando está previsto o acendido.
Eduardo Pondal, General Rubín, San Roque, Sagasta, Loureiro Crespo, Praza de España, avenida das Corvaceiras, centro histórico… son algunhas das rúas que xa dispoñen da iluminación das festas. Aínda non se viven tempos de normalidade pola pandemia da Covid, a Concellaría de Festas que dirixe Carme da Silva, quere intentar que os pontevedreses e pontevedresas vivan estas datas co mellor ánimo posible.
O departamento municipal ten previsto iluminar 83 rúas da cidade: todas aquelas que tiveron decoración o pasado ano, (algunhas iluminadas en 2020 por vez primeira), máis as avenidas das Corvaceiras e de Uruguai, dende a ponte do Burgo até San Roque, unha das novidades deste ano. Cabe lembrar que ao igual que todos os anos, o Centro Comercial Urbano Zona Monumental colabora co departamento de Festas na iluminación de Nadal no centro histórico.
Ademais dos arcos de luz, elementos decorativos dos farois, mantos de leds, bolas xigantes, árbores de Nadal, o departamento de Festas ten previsto complementar esta decoración con outra propia destas datas en distintos puntos da cidade. Terá elementos coñecidos e outras novidades que se irán desvelando ao longo destes días.
Iluminación decorativa de Nadal
Ademais dos arcos de luz e dos elementos dos farois, está previsto a colocación de 8 paneis de felicitación de festas nas entradas á cidade e a iluminación das camelias da praza de Ourense. Tamén no centro histórico está prevista a instalación dunha árbore artificial de 10 metros e un manto de luz na praza de Méndez Núñez, un manto de luz na praza da Leña, a iluminación do Teatro Principal, do Pazo da Cultura, da Casa Consistorial e do edificio administrativo do Concello, Michelena, 30.
Tamén se volverán a iluminar as árbores da praza de San Xosé e a árbore do cruzamento das rúas Uxío Novoneira, Eduardo Pondal, Gorgullón e Xermán Adrio Sobrino.
Á praza da Audiencia e a Daniel de la Sota volverán as bolas xigantes de Nadal, ao igual que a Monte Porreiro.
Unha novidade será a instalación dunha bola xigante na praza da Peregrina.
Instalaranse almendros de luz na praza de Barcelos, na praza do Hospital e na Parda.
Finalmente, está previsto trasladar a árbore artificial de 30 metros da praza da Ferraría á praza de España, dado que a Ferraría terá un protagonismo especial no nadal pontevedrés cunha decoración específica.
As rúas e prazas
Nesta ocasión a Concellaría de Festas decorará 83 rúas da cidade con arcos e outros motivos de iluminación nos farois. Máis de 530 elementos.
Alerta