1 octubre, 2021
Tras acoller o Mundial Multisport 2019, o Concello e a Fetri cren que a cidade ten serias opcións de converterse en sede deste evento clasificatorio para os Xogos Olímpicos de 2024.
Pontevedra celebrará este domingo 3 a proba inaugural do proxecto ‘Pho3nix Kids Triathlon by Javier Gómez Noya’, presentado esta mañá no Principal nun acto no que participou o propio triatleta.
Tralo recente éxito acadado coa organización do Mundial Multisport 2019, Pontevedra solicitará á Unión Internacional de Tríatlon (ITU) a organización da Gran Final do Campionato do Mundo de Tríatlon, un evento clasificatorio para os Xogos Olímpicos de 2024 e dos de maior seguimento audiovisual a nivel mundial. A decisión de presentar a súa candidatura como sede desta importantísima proba foi anunciada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto non que participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da Federación Española de Tríatlon (Fetri), José Hidalgo, e o triatleta máis laureado de tódolos tempos, o galego Javier Gómez Noya.
Fernández Lores subliñou que esta Gran Final das series mundiais é a proba “máis participado tanto pola elite como polos grupos de idade do tríatlon” e que, de acadar bo porto a solicitude que elaborou a Fetri, Pontevedra sería “a única cidade do mundo na que se celebrou un Campionato do Mundo de Duatlón, un Mundial Multisport e un Campionato de Europa”. “Estamos moi ilusionados e imos presentar unha candidatura que porá enriba da mesa a nosa capacidade de organización, atractivo e experiencia. Os presidentes de moitas federacións van estar encantados con que Pontevedra sexa sede da Gran Final de 2023 e moita xente que quere volver”, apuntou o Rexedor Municipal.
O Alcalde dixo ter “moitísima esperanza en que se nos conceda”, un desexo do que coñeceremos a decisión definitiva cara finais de outubro e que, de producirse, traerá “uns 4.000 ou 5.000 deportistas de distintas categorías” ao concello, o que implicaría “unha afluencia de triatletas e acompañantes superior ao que foi o Multisport do 2019”. “Será o evento máis importante do Estado a nivel deportivo no ano 2023 e estamos ilusionadísimos con que se nos conceda. Estamos falando de miles de pernoctacións e de prazas hoteleiras que, en moitos casos, non serán dun día ou dous, senón que ficarán unha semana ou mesmo 15 días, xa que a xente que se move para unha proba destas características normalmente aproveita para coñecer o país e desprazarse con toda a familia. Era o máximo ao que se podía aspirar”, afirmou Lores.
O Rexedor matizou que, se ben “imos competir con máis cidades (Bermudas, Canadá… teñen urbes ‘candidatables’), o historial que temos ás nosas costas e os bos resultados obtidos na organización e nas competicións nos avalan”, cunha estupenda valoración por parte de tódolos presidentes das federacións internacionais, “en especial dos americanos, que son os que máis veñen (en 2019 viñeron 900 deportistas de Estados Unidos)”.
Lograr que Pontevedra se signifique como a cidade do tríatlon
O presidente da Fetri indicou que a idea da candidatura de Pontevedra para albergar este evento comezou a ‘cociñarse’ xa durante o Mundial Multisport “cando Javier gañou aquí o Campionato do Mundo de Longa Distancia e, ao poñernos a falar, preguntámonos ‘que nos queda despois disto?’, e era a Gran Final”. José Hidalgo lembrou que a cita de 2023 é a máis importante de tódolos campionatos mundiais, xa que é a previa aos Xogos Olímpicos e a que máis puntos dá (con prazas de clasificación directa), implica a gran final do tríatlon e o paratríatlon… “Coido que se dan tódolos argumentos -afirmou Hidalgo- e era o que lle quedaba por organizar a esta cidade. É hora de que Pontevedra se signifique dun xeito moi especial como a cidade do tríatlon. Con isto imos lograr que Pontevedra se converta nun lugar absolutamente singular e único no panorama mundial de cidades que organizaron ou aspiran a organizar grandes eventos do tríatlon. Javier Gómez Noya é o fito no deporte, ninguén acadou máis mundiais que el; e Pontevedra, se logramos que sexa a cidade elixida, conseguirá outro fito”.
Tino Fernández salientou que Pontevedra e o tríatlon “conforman unha comuñón que funciona perfectamente, case como un reloxo, e se queremos seguir avanzando, debemos ter en conta á base, fomentando o deporte, a actividade física, o tríatlon, entre os nenos e nenas”. Neste sentido, o tenente de alcalde amosouse moi satisfeito de que, no marco, do Campionato de España de Tríatlon Sprint que se celebrará na cidade durante esta fin de semana, se vaia tamén a desenvolver a proba inaugural dun proxecto como o ‘Pho3nix Kids Triathlon’, que vén da man “do campión dos campións, que é Javier Gómez Noya”.
Tal e como sinalou o propio triatleta, “esta é a primeira proba dun proxecto que me fai moita ilusión e que, como non podía ser doutro xeito, tiña que celebrarse en Pontevedra, por todo o que significa para min a miña cidade, o meu lugar de adestramento, onde competín moitas veces”. Desenvolverase o domingo 3 de outubro a partir das 14:00 horas, trala desputa do Campionato de España de Tríatlon en distancia Sprint, e nela participarán máis dun centenar de rapaces de categorías alevín e infantil, con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos, que afrontarán distancias adaptadas aos seus niveis: 150 metros de natación, 3 kilómetros de ciclismo e 1 kilómetro de carreira a pé.
“É un proxecto que ten a intención de fomentar o deporte e o tríatlon entre os máis novos, explicou Gómez Noya, achegar este deporte aos rapaces para que poidan desfrutar dunha experiencia positiva e agradable e marchen contentos, cun sorriso. Cremos que o deporte é un elemento fundamental, non só no que atinxe á saúde física, senón tamén pola educación dos nen@s e pola transmisión de certos valores que consideramos imprescindibles na vida. Estes son os primeiros pasos e, para o ano que vén, queremos facer un circuíto máis amplo”.
A ‘Pho3nix Kids Triathlon by Javier Gómez Noya’ nace da man da Fetri, Javier Gómez Noya e a Pho3nix Fundation, unha organización sen ánimo de lucro creada polo empresario polaco Sebastian Kulczyk da que Noya é embaixador e que está a xerar un movemento mundial para involucrar a tódolos nenos na actividade física.
José Hidalgo está convencido de que este proxecto “é unha idea moi sinxela que imos converter nalgo excepcional, xa que quen está a promover a actividade é unha persoa excepcional, e o Concello, a Fegatri e a Fetri temos moita sorte de que o Messi da disciplina encabece esta iniciativa de promoción do deporte, o benestar, saúde e a prevención da obesidade entre os nenos”. “Xa quixeran outros deportes ter ao seu deportista icónico comprometido coa formación dos rapaces. A Fetri acompañará a Javi neste e nos proxectos que el queira. Con este estamos moi ilusionados. É un proxecto gañador, crucial, que vai significar un antes e un despois nas escolas de tríatlon neste país. Alégrame moito que comece aquí, porque con Pontevedra temos unha relación moi, moi especial”, asegurou o presidente da Federación.
Alerta