24 agosto, 2023
A humanización do antigo campo da feira do Porriño coñecido agora como Parque Infantil, nome dunha das rúas que o bordea, será unha realidade a comezos de 2024. Converterase nunha gran zona verde con arboredo, un espazo a modo de escenario e gradas e unha área de xogo infantil na que se inclúan chorros de auga, os primeiros no municipio.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou esta mañá o lugar das obras, cuxa execución darán comezo mañá mesmo e prolongaranse durante un prazo de cinco meses. O proxecto acométese logo da sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello do Porriño e a Axencia de Turismo de Galicia e que supón unha inversión total de 498.213,12 euros, aos cales hai que sumar uns 250.000 euros para acondicionar tódalas rúas da contorna.
“Co paso dos anos este parque foi deteriorándose e perdeu o seu atractivo deixando de ser un lugar de paseo e desfrute para nenos e adultos, que é o que precisamente se persegue agora con este proxecto”, explica o alcalde, lembrando que se sitúa nunha das entradas ao casco urbano, “de aí que as obras de humanización comprendan tamén a mellora da contorna, a avenida Domingo Bueno e a rúa Parque Infantil, que o Concello acometerá tamén neste mesmo período de tempo”. Deste xeito, o pequeno muro que serve para delimitar o parque desaparecerá xerando un único espazo aberto, con beirarrúas e pasos de peóns empedrados que conectarán directamente coa zona peonil de San Benito.