4 septiembre, 2021
O alumnado realizará prácticas laborais en lugares como Italia, Portugal ou Irlanda
O programa “Practicum Depo” segue a buscar a “mellor formación posible para o alumnado da provincia a través de saídas ao estranxeiro”, tal e como afirmou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, tras ser aprobada en Xunta de Goberno a cuarta mobilidade da súa edición 2020. A achega á que se deu luz verde ascende aos 287.000 euros e dela beneficiaranse un total de 36 estudantes de ciclos medios de Formación Profesional (16 rapazas e 20 rapaces), que percibirán entre 6.380 e 8.650 euros para as súas estadías.
O alumnado realizará mobilidades que durarán preto de seis meses sendo os destinos máis demandados Italia e Portugal (con 13 e 12 mobilidades), seguidos por Irlanda (6), Francia (2) e Islandia, Malta e Romanía (cunha mobilidade a cada un deles). As persoas que se formarán nestes países proceden de 13 centros de oito concellos da provincia: Vigo e Pontevedra (que conta con 11 alumnas e alumnos neste programa), Marín (5), O Porriño, Tomiño, As Neves e Sanxenxo (2 cada un deles) e A Illa de Arousa (1).
“Practicum Depo” ten por obxectivo completar a formación de estudantes graduados e graduadas en ciclos medios de Formación Profesional con prácticas laborais en empresas e institucións europeas para facilitar a súa inserción no mercado laboral. Ademais, este programa provincial tamén inclúe formación ao profesorado para que adquira novos coñecementos que logo poderán ser aplicados nas aulas da provincia de Pontevedra.
Alerta