Pre-estrea do documental ‘Acorda’ este venres no Teatro Principal de Pontevedra

Compartir
A Deputación vai encher este venres o Teatro Provincial de
Pontevedra coa pre-estrea do documental ‘Acorda. Cartografía
Musical da Memoria Histórica de Pontevedra’, unha peza
audiovisual que pretende poñer en valor lugares e feitos de
memoria na provincia a través da música. O evento está a suscitar un grande interese: nestes momentos xa non quedan localidades e hai lista de agarda para asistir e o teaser da peza audiovisual acumula nas redes sociais máis de 31.000 visualizacións.
Os actos relacionados coa pre-estrea do documental comezarán o
venres pola mañá coa apertura ao público (ata final de mes en
horario de mañá) da exposición de fotografías de Alba Días sobre o ‘como se fixo’ no vestíbulo do Arquivo provincial. Ás 20h do venres pola tarde será a apertura de portas do Teatro Principal e do photocall, para dar lugar ás 20.30h á proxección e a un pequeno coloquio aberto ao público con integrantes da parte artística e de colectivos memorialistas da provincia.
A peza documental xurdiu trala idea orixinal do departamento de
Memoria provincial dirixido por María Ortega, quen outorgou a
dirección artística a Uxía e Marina Carracedo, xunto a Lucas
Terceiro na realización, a Lois Pérez no guión e a Montse Fajardo
como asesora de contidos. Inicialmente o plantexamento era
vencellar cancións de resistencia ante o franquismo e lugares
emblemáticos para a memoria na provincia, pero finalmente
engadíuselle un guión de contexto que deu lugar ao documental.
No proxecto participan voces moi diversas como as de Emilio Rúa
e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido, e un elenco formado por Tero Rodríguez, Andrés Giráldez, e Eduardo R. Cunha (‘Tatán’), entre outros, que en boa parte estarán este venres no Teatro Principal de Pontevedra xunto a testemuñas reais de persoas como Queta Molas ou Blanca Francés.