Camiño accesible. Fonte:
25 agosto, 2021
A Delegada Territorial da Xunta en Vigo, destaca a contribución da proposta a facer de Galicia un destino máis accesible, a través da formación dos axentes galegos, para que proporcionen a mellor experiencia turística a un público con mobilidade reducida
Sinala que o proxecto contribúe a impulsar o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño, fomentando o intercambio sociocultural entre veciños, peregrinos e turistas
A Delegada Territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou hoxe en Mos, acompañada polo Tenente Alcalde, Camilo Augusto, e a Concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, ‘Monitores por un Camiño Accesible’ a proposta da Asociación Galega de Actividades Náuticas, no marco do programa de “O Teu Xacobeo”; nun acto que tivo lugar no centro asistencial de día da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), colaboradora neste proxecto.
A iniciativa que se desenvolverá en cinco dos municipios atravesados polo Camiño Portugués, e o Camiño Portugués da Costa, terá lugar os vindeiros 31 de agosto, e 1 e 2 se setembro, nas localidades de Mos, Baiona, Sanxenxo, Vilagarcía e Santiago, inclúe obradoiros presenciais e online, e actividades náuticas. Unha completa programación cun nexo común, dar a coñecer o Camiño de Santiago, como camiño accesible por mar e por terra, formando aos que poidan organizar actividades no marco da Ruta Xacobea, dirixidas a persoas con discapacidade.
Unha proposta da que a representante autonómica, destacou a súa contribución a facer de Galicia un destino máis accesible, a través da formación dos axentes galegos, para que proporcionen a mellor experiencia turística a un público con mobilidade reducida, ao tempo no que impulsa o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño, fomentando o intercambio sociocultural entre veciños, peregrinos e turistas.
Tras destacar que o contido da iniciativa, cun marcado carácter innovador e social, vai ao encontro do propio Plan director Estratéxico do Camiño, atendendo á diversidade, como xerador de coñecemento, contribuíndo á sustentabilidade social e económica, e ao posicionamento internacional da marca Galicia, (conta coa participación de entidades portuguesas e francesas); a Delegada defendeu que promover a accesibilidade dende a formación, é unha faceta imprescindible polas oportunidades que representa este tipo de turismo.
O proxecto inclúe así a organización dun workshop que terá lugar en Santiago de Compostela, o día 31 de agosto, composto por dous obradoiros de formación cunha compoñente práctica, dirixidos a monitores e persoas que poidan apoiar e axudar, principalmente no eido familiar, a persoas con discapacidade agrupadas en asociacións. Xa os días 1 e 2 de setembro, o programa presencial completarase coa organización de visitas técnicas ao centro de tecnificación de Vilagarcía, o Real Club Náutico de Sanxenxo e o Monte Real Club de Yates de Baiona, onde se imparten cursos de vela adaptada. Asemade, impartiranse dous cursos de formación online, un dirixido a familiares de persoas con mobilidade reducida, e outro a monitores deportivos, socioculturais e educativos.
Neste sentido, Fernández-Tapias puxo en valor a creación dunha ferramenta dirixida a especializar a monitores de tempo libre, socioculturais e deportivos e a apoiar aos familiares, na realización de actividades no exterior con persoas con discapacidade, facilitándolles os coñecementos básicos, para poder asistilos na práctica deportiva e na realización do Camiño de Santiago.
A delegada territorial sitúo así as iniciativas que se están a desenvolver baixo o paraugas de “O Teu Xacobeo”, o mellor exemplo dun Ano Santo que quere chegar a todos e todas as galegas, e todos e cada un dos recunchos de Galicia. Un Xacobeo que supón un aliciente nesta saída da crise sanitaria, no que ten cabida calquera disciplina artística, cultural, musical ou deportiva, e o mellor revulsivo para a recuperación turística.
WhatsApp us