Preto de 20.000 viaxeiros utilizaron o renovado servizo do Bus Urbano ao longo do mes de outubro

Compartir
Bus Urbano 6. Fonte: Concello

Os datos amosan unha mellor recuperación no número de viaxes na cidade de Pontevedra que no resto de Galiza, ou do Estado logo da pandemia.

En palabras do edil de Mobilidade, o servizo está funcionando «ben», e «responde ás necesidades da veciñanza da cidade».

 

O renovado servizo de Bus Urbano leva un mes de funcionamento na Boa Vila e amosa os seus primeiros datos de uso por parte da veciñanza. Preto de 20.000 viaxes, 19.629, foron realizadas durante este primeiro mes de servizo.

O Concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, foi o encargado de ofrecer os datos facilitados pola empresa responsábel de ofrecer o servizo, sinalando un primeiro avance nas cifras de uso, sendo estas positivas, aínda que tamén lembrou a dificultade de comparar estes novos datos cos dous últimos anos, perante o condicionante da pandemia, que lastrou o uso do transporte durante todo o 2020.

Sexa como for, o concelleiro tamén sinalou que as comparacións tamén comportarían o contraste de dous liñas diferentes, pois as renovadas liñas son distintas ás que había no ano 2019 e 2020, polo tanto «os datos poden ser collidos con pinzas». Porén, a comparación dos datos do mes de outubro do 2021 amosan que a caída da utilización do transporte urbano público a respecto dos datos prepandemia aínda está en proceso de recuperación.

Así, no ano 2020 produciuse unha caída en Pontevedra do 31,5 % respecto do ano 2019. En 2021 houbo unha recuperación con respecto a 2020 do 19,16 % mais aínda tería que subir outro 18,63 % para igualar as cifras do ano 2019. Ora ben, as cifras locais amosan un positivismo claro ao comparalas coas do Estado ou do resto da Galiza (segundo o INE), pois no Estado produciuse unha caída entre 2019 e 2020 do 44,27 % no número de viaxes, e do 40,78 % en Galiza.

En Pontevedra, polo tanto, a situación é mellor ca do resto do país e do Estado, posto que a caída foi menor e a recuperación moito máis acusada.

Ofrecendo os datos da cidade por separado, tamén é posíbel ofrecer algúns datos de interese. Xuntando as dúas liñas urbanas, para as 19,69 viaxes foron expedidos 7.020 billetes efectivos, utilizada a TPG 12.605 veces e só a TPV (a antiga tarxeta) 4 veces.

Nese sentido, xa sería posíbel falar dun éxito da migración de usuarios dun servizo a outro, amosando unha rápida adaptación ás novas tarxetas de transporte. Porén, se o comparamos con outros anos, o uso da tarxeta no ano 2021 foi menor (64,24 %), que nos anos 2020 (73,03%), e 2019 (70,27 %), polo que tal e como trasladou o concelleiro de Mobilidade, «aínda hai marxe de mellora e de seguir mellorando neste eido».

«Estamos diante dunhas liñas novas que teñen marxe de mellora, e agardamos chegar a unha maior utilización da tarxeta tal e como tiñamos antes da pandemia. Con iso e coa idea de que aínda estamos nun proceso de adaptación da veciñanza ás liñas novas, podemos dicir que temos uns bos datos de transporte público pois están ben deseñadas e responden as necesidades de Pontevedra», finalizou o edil.