2 diciembre, 2021
O programa Ponte ao Choio! busca que os participantes teñan un papel activo na busca de emprego, e dotalos de ferramentas que optimicen as súas posibilidades de inserción laboral.
A iniciativa desenvolverase durante os días 17 e 18 de decembro na Casa das Campás e contará cun ‘dream team’ de expertos en RRHH, formación, fotografía e viodecurrículo.
Lograr que as persoas participantes adquiran un papel activo no seu proceso de procura de emprego e proporcionarlles a formación, adestramento e imaxe persoal que melloren as súas posibilidades de inserción laboral son os principais obxectivos do proxecto ‘Ponte ao Choio! Desenvolvendo o teu futuro’, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración cun equipo de profesionais de diferentes ámbitos que lles axudarán a optimizar a súa imaxe e ‘venderse’ mellor. Así, as accións que se levarán a cabo no marco deste programa de asesoramento integral permitirán dotar aos asistentes das ferramentas necesarias para crear un CV único e orixinal, axustado á súa profesión ou obxectivo profesional e ofrecerlles material gráfico de calidade, (fotografía e videocurrículo), que poidan utilizar en función das súas necesidades, xa sexa online ou offline.
Esta iniciativa de mellora da empregabilidade desenvolverase na Casa da Luz en dúas xornadas consecutivas, o venres 17 e o sábado 18 de decembro, e tal e como subliñou esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, durante o acto de presentación da mesma, “contará cun auténtico ‘dream team’ de profesionais: Noela Quintana, consultora en RRHH e formadora; Beatriz Císcar, fotógrafa profesional, e Damián Pazos, da firma Pixelecer Audiovisual e experto na confección de videocurrículos”. “Dentro do Circuíto Curricular que organizamos, explicou a edil socialista, que estivo acompañada por Quintana e Císcar, poderemos atopar precisamente tres áreas de intervención diferenciadas: obradoiros de mellora da empregabilidade, fotografía profesional e videocurrículo. Estes tres prismas permitirán ás persoas asesoradas customizar cada detalle da súa procura de emprego, en concordancia coa súa personalidade e aspiracións laborais”.
Baixo os títulos ‘Que di o teu CV de ti?’ e ‘Como afrontar unha entrevista de traballo’, os obradoiros/charlas de mellora da empregabilidade celebraranse ámbolos días en horario de 18:00 a 20:00 horas. No primeiro, as persoas participantes aprenderán técnicas para elaborar un bo CV, coa finalidade de transmitir de forma axeitada o seu perfil profesional nos procesos de selección nos que participen. Estes tallares organizaranse de dous xeitos: en sesións individuais ou reunións ‘one to one’ de 25 minutos, (con reserva previa), nas que os participantes terán unha sesión coa orientadora, centrada en analizar o seu CV e establecer melloras personalizadas en función da súa experiencia profesional, habilidades, competencias; e nunha sesión grupal con enfoque práctico e participación activa, na que a orientadora exporá aos asistentes pautas, ideas, consellos, recomendacións e boas prácticas de formato e contido para a correcta redacción e estruturación do CV e/ou carta de motivación, (que información incluír, erros típicos, uso de plantillas…), así como ferramentas innovadoras para a promoción persoal, (CV 2.0 ou CV dixital, videoCV ou perfil profesional na rede).
No obradoiro/charla sobre ‘Como afrontar unha entrevista de traballo’, as persoas que participen poderán aprender técnicas de preparación dunha entrevista de traballo para acadar o éxito, expoñéndoselles a estrutura xeral dunha entrevista, tipoloxía, probas psicotécnicas e dinámicas de grupo, preguntas frecuentes, que facer antes e despois da entrevista e consellos para o seu desenvolvemento. O enfoque desta sesión será práctico, levándose a cabo exercicios de ‘role playing’ e simulacións de entrevistas entre os participantes.
Alerta