Promoción Económica distribuirá este Nadal 5.000 bolsas da plataforma #PonteLovers

Compartir
#PonteLovers. Fonte: Concello

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, fixo entrega esta mañá no Concello ao presidente da asociación de Hosteleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo), Daniel Lorenzo, da primeira partida de bolsas da plataforma #PonteLovers que o seu departamento distribuirá entre os principais colectivos comerciais e empresariais da cidade para esta campaña de Nadal.

Esta remesa forma parte das 5.000 unidades que se repartirán durante os vindeiros días entre entidades como a Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas (Ape), a Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), Asociación de Jóvenes Empresarios (Aje), e Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCU ZM), así como entre os ambulantes dos mercadillos de Pontevedra.

Tal e como salientou a edil socialista, “trátase dunhas bolsas de papel moi útiles tanto para que os clientes que asistan en persoa aos establecementos comerciais poidan levarse consigo os seus agasallos de Nadal, como para a recollida de comida para levar nos restaurantes e locais de hostalería ou mesmo para os delivery, (envíos da domicilio)”.

“Á marxe do aforro que supón a nivel material e loxístico nestas datas con tanto movemento nos sectores do comercio e a restauración, este é un xeito de ‘vender’ a marca cidade cunha imaxe uniforme e dun xeito cohesionado”, asegurou Yoya Blanco.