Promoción Económica e Ara Formación organizan este mes un novo curso gratuíto de Operador de Carretillas Elevadoras

Compartir
Acto entrega diplomas. Fonte: Concello

Tralo rotundo éxito das actividades formativas desenvolvidas en colaboración con Ara Formación, que este ano melloraron as expectativas de inserción laboral de 65 persoas en eidos cunha elevada demanda de persoal cualificado, a Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, e o centro de estudos decidiron organizar para este mes de novembro un novo curso gratuíto de Operador de Carretillas Elevadoras, o terceiro deste tipo que se pon en marcha en 2021.

Ao igual que os anteriores, este curso contará cunha parte teórica, que terá lugar entre os días 22 e 25 de novembro no centro que dirixe Paco Rial en horario de 17:00 a 19:30 horas, e unha práctica que se levaría a cabo o sábado 27 en horario de 8:30 a 14:30 horas, (un total de 16 horas, 10 de teoría e 6 de práctica).

Para participar nesta acción formativa será necesario inscribirse previamente a través da dirección de correo electrónico administracion@proxectoiles.es, indicando no asunto ‘Ref: Carretillas’ e proporcionando a seguinte información: nome e apelidos, DNI, dirección postal, número de teléfono, e-mail e antigüidade como desempregado. Non obstante, terán prioridade para participar no curso, que conta cun máximo de 15 prazas, as persoas en situación de desemprego.

 

Prácticas carretillas. Fonte: Concello

 

 

Nesta formación, impartida totalmente de balde, os alumnos participantes terán oportunidade de abordar aspectos teóricos como a condución en baleiro e con carga; operacións de elevación; utilización de accesorios especiais para unidades de carga determinadas; cargas oscilantes ou con centro de gravidade variable; elevación de persoas; tipos de estantes e sistemas de almacenaxe; mantemento preventivo típico (rodas, niveis…); equipos de protección individual; estacionamento da máquina en aparcadoiro, ou procedementos a seguir no caso de producirse situacións de risco, retención do operador… No que atinxe á parte práctica, os alumnos poderán reproducir manobras sen carga, desprazamentos en ámbalas direccións, velocidades, xiros, freadas, utilización en ramplas; manobras semellantes con carga; carga e descarga de camións, colocación e retirada de cargas en estantes, apiñado e retirada de cargas en superficie libre; manobras extraordinarias tales como cargas de dimensións ou características fora do habitual pola súa lonxitude e forma; ou o manexo dunha carga simultánea con dúas carretillas (contidos axustados aos establecidos na Norma UNE 58451:2012, de Formación dos Operadores de Carretillas de Manutención ata 10.000 kg).

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, lembra que “este ano xa recibiron o diploma que acredita que completaron o curso de Operador de Carretillas Elevadoras un total de 32 persoas, o que pon de manifesto a elevada demanda de formación neste eido e a enorme demanda laboral deste tipo de profesionais”. “As prazas dos dous primeiros cursos cubríronse nun abrir e pechar de ollos”, asegura a edil do PSOE.

A colaboración entre Concello e Ara Formación tamén se traduciu na realización de cursos de Limpeza de Aloxamentos Turísticos (Camareiro/a de Pisos), e de Limpeza Hospitalaria, con 17 e 16 alumnos respectivamente e coa incorporación case inmediata ao mercado laboral de varios deles.