Publicada no DOG a orde de axudas a escritores, ilustradores e tradutores para participar en ferias e festivais do libro

Compartir
Feria del Libro

Os profesionais poderán recibir entre 250 e 1500€ dependendo do destino e o prazo de solicitudes estará aberto ata o 15 de outubro de 2021.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención para que persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras poidan participar nas distintas actividades que se realicen no sector do libro como feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas que se celebren ao longo deste ano co fin de favorecer a promoción do libro galego.

Os requisitos para poder beneficiarse destas axudas son ter asistido e participado nunha actividade subvencionable realizada no sector do libro fóra de Galicia no prazo establecido na presente convocatoria, acreditar o desenvolvemento do seu traballo no sector do libro na Comunidade e ter publicado algunha obra en Galicia como escritor, ilustrador ou tradutor nos últimos tres anos. 

Para estas axudas, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un importe de 30.000 euros para o financiamento dos gastos da viaxe referidos a aloxamento e transporte. Deste xeito, os beneficiarios recibirán un máximo de 250€ se o evento se celebra en España, exceptuando se é en Galicia; de 600 se a asistencia é a un festival ou feira na Unión Europea e 1.500 euros se a cita se celebra fóra da UE.

O prazo de presentación estará aberto desde mañá e ata o vindeiro 15 de outubro e os interesados deberán enviar o formulario, preferiblemente por vía electrónica, que está dispoñible na sede electrónica da Xunta. Só poderán solicitar axudas para asistir a unha única feira o festival internacional.