Polo momento, recabáronse 26 cartas de apoio que demostran a intención do sector de que desde o Concello se aposte por esta estratexia, coa que conseguir fondos que permitan converter a Marín nunha cidade de innovación turística e nun referente no corazón das Rías Baixas.
A alcaldesa María Ramallo quixo agradecer esta mañá “a boa participación que tivemos por parte do sector turístico na Mesa de Participación de onte”, na que se plantexou o Plan de Turismo Sostible de Marín, co que o Concello concurrirá aos fondos turísticos que se prevén no marco dos Plans Turísticos de Sostibilidade en Destino (PSTD), cun horizonte de execución do 2022-2024.
“O noso obxectivo é plantexar unha proposta integrada, que conte co apoio do sector, ao que buscamos beneficiar e impulsar, porque cremos que Marín merece estar no nivel turístico ao que podemos aspirar, pero cun modelo sostible e que manteña o noso xeito de vivir e de ser”, explicou a rexedora.
En total, participaron na Mesa case unha treintena de colectivos relacionados co turismo e conseguíronse ata o momento 26 cartas de apoio firmadas, que evidencian o interese do sector en que desde o Concello se impulse todo o posible esta estratexia.
“Somos un concello pequeno en comparación coas administracións cas que competimos para conseguir estes fondos, pero estamos poñendo todos os mimbres para que a nosa proposta sexa valorada positivamente”, asegurou a rexedora.
Segue aberta a posibilidade de participación
Desde o Concello animan a que personalidades relacionadas co sector turístico que non asistiron á Mesa fagan as súas propostas e as súas consideracións sobre as posibles actuacións que poden facer de Marín un espazo de turismo sostible, de proximidade e de calidade.
Poden realizarse achegas ao email alcaldia@concellodemarin.es, onde serán englobadas e estudadas polos equipos técnicos que están a traballar na estratexia actual e futura para un Marín referente na innovación turística.