9 diciembre, 2021
A rexedora, que convocou a todas as partes implicadas neste tema a pasada semana co obxectivo de poñer en común a información colleitada ao respecto, insistiu en que “polo momento, o Concello de Marín simplemente recibiu a solicitude de información urbanística de determinadas parcelas. Non existe ningún proxecto presentado nin nos consta que se tramitase ningún plan supramunicipal”.
O Salón de Plenos do Concello acolleu hoxe a reunión convocada pola alcaldesa, María Ramallo, respecto á creación dun posible parque eólico na zona do Morrazo e que afectaría, entre outros municipios, a Marín. Á participación na mesma estaban convocados ademais dos concelleiros do Goberno local de Medio Ambiente e Medio Rural, os portavoces do PSOE de Marín e do BNG, as Comunidades de Montes de Santomé e de Ardán, a Mancomunidade de Montes do Morrazo e a Plataforma Eólicos NON.
Tal e como explica a alcaldesa, o obxectivo do encontro “foi o de compartir coas partes implicadas a información que temos ata o momento no Concello respecto ás peticións que se solicitaron sobre cuestións urbanísticas respecto de varias parcelas”.
Ademais, o resto de sectores, como as comunidades de montes, trasladaron tamén a información que tiñan sobre este tema, pendentes de realizar de cara ás vindeiras semanas novas reunións informativas coas súas asambleas.
A rexedora trasladou e deixou patente que “a día de hoxe non hai ningún proxecto presentado para a zona dos Montes do Morrazo que está definida dentro do Plan Sectorial da Xunta de Galicia”.
É dicir, que “aínda que unha posible solicitude de parcelas para a creación dun parque eólico contemple algunhas que están dentro dese Plan, non significa que o proxecto poida acadar os informes favorables dos organismos correspondentes que se precisan para levalo a cabo”, aclara Ramallo.
Polo tanto, a alcaldesa trasladou a necesidade de esperar para ver como avanza a situación, “xa que, polo momento, o Concello de Marín simplemente recibiu a solicitude de información urbanística de determinadas parcelas. Non existe ningún proxecto presentado nin nos consta que se tramitase ningún plan supramunicipal”.
Ao remate da reunión, Ramallo adiantou que o Concello contactará co resto de concellos afectados para recabar información sobre este asunto.
Alerta