Recepción e recoñecemento na Deputación ao Mecalia Guardés “tras unha temporada excepcional”

Compartir

O club Atlético Guardés, un dos maiores expoñentes do balonmán feminino da provincia e do estado, afronta unha nova temporada cheo de optimismo e ilusión, sensacións que compartiron tamén hoxe a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o deputado de Deportes, Gorka Gómez, quen recibiron a súa directiva, equipo técnico e a unha representación das xogadoras no Pazo Provincial de Pontevedra, un lugar que a presidenta definiu como “a casa do deporte”. O afecto, o recoñecemento e os agradecementos estiveron presentes no encontro, que finalizou coa entrega de obsequios ao equipo e cunha especialísima lembranza de Fran Teixeira, “un xigante do balonmán, un defensor do deporte e un amigo”, mención especial que foi compartida por todas e todos.

Carmela Silva felicitou ao equipo que ven de pechar unha temporada extraordinaria conseguindo o sub campionato da Liga Guerreiras e xogando as semifinais da Copa EHF europea e da Copa das Raíña. A presidenta destacou que o Guardés forma parte da nosa provincia e “fai que sexamos un pobo grande, recoñecido e referenciado a nivel estatal e internacional” á vez que leva o nome da Guarda a todos os lugares nos que xoga. Por isto quixo dar as grazas á directiva, “sei os esforzos que estades a facer”, ao corpo técnico e moi particularmente ás xogadoras “que son unhas cracks, o exemplo que a sociedade necesita para visibilizar que a mulleres son capaces de converterse en verdadeiras heroínas”. A presidenta provincial é consciente que “todo apoio é pouco porque os esforzo que facedes é moi grande e espero que manteñamos e melloremos a relación que temos”. Neste senso, Carmela Silva lembrou que é unha obriga da Deputación “apoiar o deporte e particularmente ao deporte feminino xa que é un elemento fundamental para construír sociedades mellores”. Ademais, manifestou as súas ganas de “sentir o deporte de preto” e asegurou ao equipo que se achegaría aos primeiros partidos para “poñerme a camiseta con vós”.

As e os representantes do club amosáronse agradecidos co apoio que brinda a Deputación e non esconderon o orgullo que para todas elas e eles supón representar á provincia de Pontevedra. Neste senso, o presidente do club, Jesús López, asegurou que sen o ente provincial “o soño tan bonito que temos non sería posible” e fixo un repaso das próximas citas importantes do club, especialmente a competición europea na que volverán a competir, citas nas que está seguro de que “as xogadoras van a dalo todo”.

Tamén falou José Ignacio Prades, adestrador do Atlético Guardés e segundo adestrador da Selección Española Feminina, para quen “cada ano é máis difícil superar ao anterior” e espera que “nesta temporada poidamos pelexar con todo o mundo e competir en cada partido”.

Pola súa banda, Marisol Carratu, primeira capitana, destacou o “afecto tan próximo que brinda esta provincia ás xogadoras, que na maioría somos de fóra” e deixou claro que “imos estar á altura das circunstancias e demostrar en cada adestramento que o estamos dando todo para despois plasmalo na pista e conseguir logros”.