“O Plan Concellos financiou, con fondos regrados, case 3.000 obras, case 1.500 actividades socioculturais e a contratación de máis de 7.000 persoas desempregadas: ese é o legado”. Considera “indicios claros” da volta ao partidismo o parón no proxecto de Santa Clara en Pontevedra e a patrimonialización dos investimentos en Vigo “por alguén que ten 5 concelleiros”
O secretario xeral provincial, David Regades, acompañado de deputados e deputadas provinciais socialistas compareceu nas escalinatas do Pazo Provincial para advertir de que “o modelo de financiamento regrado chegou hai 8 anos para quedarse” e que haberá pelexa nas instancias administrativas e mesmo xudiciais se o Partido Popular consuma a volta ao modelo caciquil, é dicir ao reparto a dedo en función da cor política dos concellos e á libre disposición presidencial.
O sucedido no último Pleno, no que o PP rexeitou unha moción para o mantemento nos Orzamentos provinciais de 2024 do modelo de
financiamento igualitario acendeu tódalas alertas. David Regades recordoulle ao PP que os 19 alcaldes e alcaldesas socialistas, que gobernan a medio millón de persoas das 950.000 que viven na nosa provincia, observan con “gran preocupación” a indefinición de non saber con que fondos da Deputación van contar o ano próximo. “O Plan Concellos é un patrimonio desta provincia”, recalcou. O secretario provincial socialista instou ao presidente provincial, Luís López, a “perder o medo” a convocar aos alcaldes e alcaldesas a unha posta en común “para poñer as cartas boca arriba”. Tras recordar que Carmela Silva reuniuse coas Alcaldías en só 12 días, lamentou que o seu sucesor pretenda celebrar xuntanzas individuais: “celebrou tres en tres meses; a este ritmo non lle van chegar nin dous mandatos porque o certo é que tampouco responde ás peticións individuais que está a recibir”. En todo caso, destacou que á luz dos acontecementos, esas xuntanzas institucionais individuais “non valen para nada”. “Fai falta un pacto de provincia e iso faise cun cumio entre o presidente da Deputación e os 61 alcaldes e alcaldesas”.
David Regades fixo balance do Plan Concellos, que repartiu un total de 300 millóns de euros de xeito regrado entre os 59 municipios de menos de 50.000 habitantes para facer realidade case 3.000 obras, case 1.500 actividades socioculturais e pagos e a contratación de máis de 7.000 persoas desempregadas. “Ese é o legado”, destacou David Regades. “Hai 8 anos o Partido Socialista decidiu que había que cambiar formas e maneiras na Deputación, tras 40 anos de gobernos da dereita agudizados por Louzán, e fíxoo cun plan que trouxo a transparencia, a modernidade e a igualdade entre tódalas persoas, vivan onde vivan”.