Representantes de 26 Cras de Galicia trazan en Valga as liñas de futuro da Escola Rural

Compartir
Xornada Cra. Fonte: Concello

O conselleiro de Educación e o alcalde inauguraron a xornada no Auditorio Municipal.

Bello Maneiro afirmou que “o traballo que realiza o CRA é impresionante e seguiremos colaborando con eles en beneficio dos rapaces”.

 

O Conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o Alcalde, José María Bello Maneiro, inauguraron esta mañá a xornada que Acraga, (Asociación de mestres de CRAs de Galicia), está a celebrar no Auditorio con representantes dos 26 Centros Rurais Agrupados da comunidade, entre eles o de Valga, que exerce de anfitrión.

Nesta xuntanza participan membros dos equipos directivos destes centros co obxectivo de trazar liñas comúns de actuación para continuar elevando a calidade do ensino rural e facer fronte á principal ameaza que se cerne sobre estas escolas: o despoboamento. Ademais do conselleiro e do rexedor, tamén asistiu o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Álvarez Bértolo.

 

Xornada Cra. Fonte: Concello

 

O alcalde deu a benvida a Valga a todos os representantes dos CRAs de Galicia e puxo ás escolas de Valga como exemplo de innovación educativa dende o rural. Transmitiu os parabéns ao equipo directivo do CRA “polo traballo impresionante que están a facer e do que estamos moi orgullosos. Dende o Concello seguiremos colaborando con eles en beneficio dos rapaces e das familias”.

 

Xornada Cra. Fonte: Concello

 

O conselleiro destacou que as escolas rurais son “un elemento de referencia e dos máis singulares que ten o sistema educativo de Galicia”. Ademais engadiu que, “tendo un territorio tan diseminado, son fundamentais para garantir a igualdade de oportunidades”.

No acto tamén interveu o Director do CRA de Valga, Adrián Baloira, que se referiu a esta xornada coma unha oportunidade para trazar liñas comúns de actuación entre todos os CRAs de Galicia, compartir proxectos de futuro e establecer lazos coa comunidade educativa e coa administración.

 

Xornada Cra. Fonte: Concello

 

Trala inauguración, a xornada de Acraga continou durante toda a mañá nunha das salas do Auditorio e, ao remate, os participantes achegáronse a ver algunhas das seis escolas que forman parte do CRA de Valga.