22 octubre, 2021
Logo da parada obrigada provocada pola pandemia, o Concello de Ribadumia retoma as actividades culturais ao Auditorio Municipal.
Con este fin, organizouse unha programación variada que contará con actuacións teatrais e musicais e coa proxección de películas para todas as idades e aínda que, fundamentalmente, está orientada ó público infantil tamén haberá sesións especiais para maiores de 14 anos, coma no caso da proxección da película “Bernarda”, inspirada na renomeada “A Casa de Bernarda Alba”.
Tamén contaremos coa celebración de eventos especiais, como o Día Internacional da Violencia de Xénero ou a gala homenaxe “Ribadumienses en prol do galego”. Nesta última gala, suspendida por mor da crise sanitaria do COVID, homenaxéase ó grupo local de Teatro “Alecrín” e contará con comediantes de renome como Víctor Mosqueira e Josito Porto.
Por último, terán cabida actuacións de grupos e bandas de música locais como a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, a Banda de Ribadumia ou a Escola de Música do Concello de Ribadumia, así como actuacións de grupos e bandas de fóra do municipio como a Banda de Música Unión Musical de Meaño ou “Amigos do Acordeón Rias Baixas”.
A actividade cultural estréase esta fin de semana coa actuación teatral “Patrimonio Natural”, (sábado 23, ás 19:00), en conmemoración do Día Internacional da Protección da Natureza, (o pasado 18 de outubro), e cunha sesión de cine, (domingo 24, ás 19:00), para todos os públicos, proxectando a película “Padre no hay más que uno 2. La llegada de la suegra”, que promete gargalladas e entretemento para toda a familia.
Dende o Concello de Ribadumia queremos convidar a todas aquelas persoas que queiran asistir aos diferentes eventos programados, para compartir bos momentos, entreterse e poder desfrutar da variada oferta de programación cultural prevista para este último trimestre do ano.
Por último, debemos recordarlle aos asistentes a obriga de usar máscara en todo momento, e a prohibición de comer e beber durante a súa estadía dentro das instalacións do Auditorio.
Alerta