Reunión entre Ramallo e os colectivos da pesca deportiva

Compartir
Reunión pola pesca deportiva, Fonte: Concello de Marín

As federacións e asociacións elaborarán unha proposta de ampliación dos tramos nos que se permite pescar no porto de Aguete, para que sexa estudada por Portos de Galicia.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada da concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, reuníuse esta semana coas directivas da Federación Galega de Pesca Marítima Reponsable e Náutica de Recreo, das asociacións de pescadores de Chirleu e Tenlo e de Náuticas Calviño.

O obxectivo destes colectivos era trasladarlle ao Concello a súa proposta de cara ao regulamento que está a preparar Portos de Galicia para establecer pautas na práctica da pesca marítima de recreo en superficie nas zonas de servizo dos portos que dependen da comunidade autónoma.

Nestes momentos, no Porto de Aguete a práctica da pesca está permitida pero de xeito tramificado, nun espazo delimitado da zona do espigón. A proposta dos colectivos é a de aumentar ese espazo para poder permitir a práctica deste deporte de xeito máis amplo na rada marinense.

Desde o Concello, Ramallo e Sanmartín animáronlles a elaborar unha proposta definida e que poidan así elevala a Portos de Galicia, “para que o ente autonómico poida estudar se é viable aumentar a zona”.

Tal e como explica Portos na súa normativa, en Aguete é preciso establecer unha tramificación da práctica da pesca xa que se trata dun porto cunha actividade intensiva, polo que é necesario organizar os distintos usos que ten o espazo.