6 septiembre, 2021
Carmela Silva pon en valor o esforzo da organización por manter o evento musical durante a pandemia e “a capacidade da sociedade para crear cultura”
O Alcalde, Alberto Varela, destaca o talento da xente de Vilaxoán, para mesturar un produto do mar coa música e a promoción turística
A poucos días para que Vilaxoán acolla unha nova edición do festival Revenidas, unha das citas indispensables dentro da programación cultural estival da provincia, a XVII edición foi presentada nun acto celebrado en Vilaxoán. A Presidenta da Deputación, Carmela Silva; o Alcalde, Alberto Varela; o Director, Xoán Quintáns e outras autoridades foron as persoas encargadas de dar o pistoletazo de saída a un Revenidas que, segundo destacou Silva, “ten algo que o identifica: a recuperación da tradición para que, chegados a este século XXI, non perdamos o que somos”.
O acto de presentación contou actuación de Pauliña, que será unha das artistas do festival e que animou ás persoas asistentes a seguir os seus ritmos tocando as palmas. Tamén estivo presente o artista urbano O Ras, quen realizou un graffiti inspirado no festival.
A Presidenta Provincial agradeceu á organización do festival vilagarcián tódolos seus esforzos para levalo a cabo entre este próximo xoves, día 9, e o domingo, 12. “As persoas que organizan estes festivais sufriron moito para mantelos, (referíndose ao conxunto dos eventos co selo provincial Rías Baixas Fest) e , ao seu xuízo, “amosaron que a sociedade ten unha enorme capacidade de crear cultura”.
Agradeceu, ademais, á organización o seu compromiso coa igualdade por poñer grupos femininos no escenario e denunciou que, con todo, “aínda non hai un número suficiente, decente e igualitario de mulleres”. Silva valorou o feito de que Revenidas se teña sumado á campaña provincial contra as agresións sexuais. A presencia da Deputación refórzase tamén coa presenza do photo-call co globo da campaña provincial, para poñer en valor aos produtores locais e a sustentabilidade. A Presidenta Provincial rematou mirando cara o futuro con optimismo e agardando que “no 2022 poidamos ter a sardiñada coas mellores revenidas que hai no mundo”.
Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía, lembrou que “Vilaxoán é unha terra de mariñeiros e mariñeiras, de amantes da música, unha terra de xente reivindicativa que transformou unha materia prima como foron as revenidas nun dos eixos de potenciación turística do territorio”. Ademais, agradeceu á Deputación a súa aposta pola cultura e incidiu na mensaxe de que “a cultura é totalmente segura”.
Pola súa banda, Xoán Quintáns, director do festival, deixou claro que “Revenidas volve adaptado, intentando manter a súa esencia” e deu tamén as grazas a Deputación e a Turismo Rías Baixas por patrocinar de novo esta cita do verán vilagarcián. Aproveitou a ocasión para anunciar o “Revenidas ilustrado” que consistirá en que varias ilustradoras e ilustradores retratarán aos e ás artistas, e as láminas que se venderán posteriormente nunha poxa empregándose o beneficio obtido para fins solidarios.
O Revenidas, unha das pezas integrantes do programa Rías Baixas Fest da Deputación de Pontevedra, volverá conxugar gastronomía, cultura mariñeira, circo e concertos abordo da tradicional “chasula”, o que converterá a asistencia nunha auténtica experiencia turística e cultural.
Programación
No Revenidas, que toma o seu nome das sardiñas da zona que teñen un sabor e un tamaño característico, conta cunha vintena de concertos nos que fai unha gran aposta pola música galega e a presenza de mulleres con grupos con Tanxugueiras, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, A Banda da Loba, ademais dunha coidada escolma musical con Dakidarría, Ciudad Jara, Talco Maskerade ou Zoo.
Ademais, haberá actividades paralelas de carácter cultural, lúdico e infantil que se desenvolverán dende o mércores, 8, ata o domingo, 12, e terán como epicentro a Praza Rafael Pazos. Entre elas destacan unha visita guiada e musicada pola vila, con degustación de produtos mariñeiros titulada “Redescubre Vilaxoán con Xurxo Souto”, que terá lugar o día 8, e “Desastronauts”, un espectáculo de voadores realizado por Raquel Veganzones e Girisho Gordon, graduados na escola londinense The Circus Space.
Toda a información do festival pode atoparse no seu sitio web, (www.revenidas.com).
Alerta