Actos vandálicos en Ribadumia
11 abril, 2025
O Concello de Ribadumia quere manifestar a súa firme condena ante os actos vandálicos acontecidos durante a pasada fin de semana na contorna da Escola Infantil Municipal. Uns feitos inxustificables que supuxeron a destrución de materiais empregados nas obras de mellora que se están a levar a cabo no centro, así como danos na maquinaria utilizada polos operarios e situada nas inmediacións do edificio.
As obras en execución teñen como obxectivo reducir o consumo enerxético da instalación, mellorar o confort termoacústico e eliminar os riscos de desprendementos ou filtracións, ao tempo que se renova o aspecto exterior do centro. Uns traballos destinados a garantir o benestar da cativada usuaria e a eficiencia das instalacións municipais.
Lamentablemente, os feitos desta fin de semana non son illados, xa que esta zona xa ten rexistrado accións similares de forma reiterada, o que incrementa a preocupación do Concello polo mantemento e a seguridade deste espazo público.
Neste sentido, o Concello de Ribadumia está en contacto coa Garda Civil e as autoridades competentes para avanzar nas medidas que permitan evitar este tipo de comportamentos incívicos. Ao mesmo tempo, dende o goberno municipal facemos un chamamento ao respecto polos bens públicos e á implicación da cidadanía para coidar entre todos os espazos comúns. Preservar as instalacións municipais en bo estado é responsabilidade de todos e todas, e só a través do civismo e a conciencia social se poderá manter Ribadumia como un lugar coidado, seguro e agradable para vivir.
Pezas de granito rotas por vándalos en Ribadumia
Alerta