
Carátula o cartel de la película San Simón
1 noviembre, 2025
Cunha recadación de máis de 30.000€ e superando os 5.000 espectadores na súa primeira semana, San Simón só foi adiantada por Chainsaw man – la pelicula: El arco de Reze (Sony)
O filme narra a historia da illa cando foi convertida en campo de concentración durante a época franquista. Entre os membros do equipo artístico e técnico destaca a participación de fillos e netos dos presos de San Simón
Proxección de SAN SIMÓN en Redondela | Cris Padín
Tras a súa estrea o pasado 24 de outubro o filme San Simón, de Miguel Ángel Delgado, posiciónase como a mellor estrea independente da semana en Galicia só superada por Chainsaw man – la pelicula: El arco de Reze (Sony), e por diante doutras estreas como Los Domingos (BTEAM), Springsteen: Deliver Me from Nowhere (Disney) ou Decorado (Barton).
Cunha recadación de máis de 30.000€ e superando os 5.000 espectadores na súa primeira semana San Simón logrou tamén posicionarse no TOP 1 en número de asistentes en varias salas como Tamberlick (Vigo), Multicines Norte (Vigo), Multicines Gran Arousa (Vilagarcía), Cinexpo (Pontevedra) ou Hollywood (Monforte).
Os pases e coloquios co director e co equipo sumados ao entusiasmo do público auguran unha boa continuidade da película, que está dispoñible desde este venres 31 en Cines Cantones (A Coruña), Central (A Estrada), Avenida (Caldas), Xunqueira (Cee), Duplex (Ferrol), Codex e Yelmo (Lugo), Círculo de Bellas Artes (Madrid), Hollywood (Monforte), Gesma (Xinzo), Cinexpo (Pontevedra), Numax e Multicines Compostela (Santiago de Compostela), Multicines Norte, Tamberlick e Yelmo (Vigo), Multicines Gran Arousa (Vilagarcía de Arousa)
Sinopse
A historia de San Simón sitúase en outubro de 1936. O réxime de Franco crea máis de trescentos campos de concentración por toda España: conventos, fábricas, escolas, prazas de touros, mosteiros e outros espazos «pechados». San Simón destaca pola súa insularidade. O réxime converte o antigo lazareto nun lugar de morte onde os prisioneiros sofren a represión rodeados dunha beleza abafadora. Sete anos despois, Lamas, un preso da illa, lembra a historia dos homes e as mulleres que, como el mesmo, sufriron a represión neste pequeno enclave da costa galega.
San Simón está producida por San Simón la película AIE, Miramemira, Morelli Producciones en coprodución con Bando à Parte (Portugal). Conta coa financiación do ICAA, a subvención da AGADIC; a participación de: RTVE, Televisión de Galicia, RTP, Castilla-la Mancha Media, Deputación de Pontevedra; e coa colaboración da USC Universidade de Santiago de Compostela – HISTAGRA e a Asociación O Faiado da Memoria. Distribúen Baños Films e Linde Films.
Alerta