Satisfacción e vontade de continuidade entre os participantes do proxecto “PlaytoGrow!”

Compartir
Play Grow. Fonte: Concello

Os participantes destacaron o valor da música como linguaxe común para amizade entre as diversas culturas.

 

Representantes do Concello de Tomiño, do Space Ensemble e da Escola de Música de Goián participaron o sábado na presentación de resultados do proxecto: PlaytoGrow! Adquisición de Valores e Habilidades a través da Música, compartido polo Concello de e Tomiño con outros catro socios europeos para desenvolver as posibilidades formativas da educación musical.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, pechou o acto agradecendo “a disposición e o bo traballo dos participantes” e manifestando a súa “satisfacción polo positivo resultado da aposta nesta nova iniciativa de cooperación transfronteiriza e internacional nun campo de tanta importancia para nós como é o da música e nun proxecto dirixido especificamente á xente nova”.

 

PlaytoGrow. Fonte: Concello

 

Pola súa banda, integrantes da Banda e da Escola de Música de Goián participantes no proxecto expresaron a súa satisfacción por teren ”a oportunidade de intercambiar coñecementos e prácticas con músicos de outros países, culturas e estilos musicais”, destacándose o valor da música como linguaxe compartida.

Os responsables do proxecto explicaron algún dos obxectivos e da traxectoria seguida desde decembro de 2019. Na súas palabras, con esta liña de actuación, o Erasmus +, o programa da Comisión Europea que financia as actividades, “apoia o desenvolvemento de prácticas innovadoras e a execución de iniciativas conxuntas de aprendizaxe no ámbito da mocidade a escala europea”, permitindo que diferentes “organizacións poidan reforzar redes de traballo e a súa capacidade de actuación transnacional, compartindo ideas, prácticas e métodos”.

 

PlaytoGrow. Fonte: Concello

 

O acto coincidiu cos ensaios compartidos durante toda a fin de semana entre músicos da formación portuguesa Space Ensemble, (organizadora, entre outras iniciativas, da Escola do Rock de Paredes de Coura), e integrantes da Escola de Música e da Banda de Goián co obxectivo de coñecer o proceso de musicar películas en directo, traballando a improvisación e a creatividade. Máis de dez horas de ensaios para integrar, entre outros, o son de clarinetes, percusión, teclados e guitarras eléctricas coas imaxes de diferentes películas.

 

PlaytoGrow. Fonte: Concello

 

Mediante un proxecto Erasmus +, estudantes e profesorado da Escola de Música de Goián intercambiaron experiencias co Space Ensemble e a Fondazione Maria Ida Viglino per la cultura musicale do Val de Aosta, de Italia. O acto puña fin a dous anos de colaboración no que se celebraron, entre outras actividades, unha residencia dunha semana en Paredes de Coura, para alumnado das tres escolas de musica participantes, sete días dun seminario de intercambio entre profesorado, e varias reunións internacionais presenciais e online.

 

PlaytoGrow. Fonte: Concello

 

O proxecto recolle agora na súa páxina web (https://play2grow.eu), un conxunto de boas prácticas e unidades didácticas que permitirán a calquera persoa ou entidade interesada replicar experiencias de traballo educativo, a partir da música ou facilitar a rapaces ou rapazas que comezan métodos e coñecementos para xestionar ou promocionar a súa banda ou grupo musical.

Todos os participantes expresaron o seu desexo de dar continuidade a estas experiencias de intercambio e traballo conxunto.