14 noviembre, 2021
A cinta da Deputación foi premiada entre 135 competidoras de 37 países e repite o éxito obtido anteriormente por “Fame de Experiencias” no certame grego.
Os audiovisuais de promoción turística da Deputación de Pontevedra seguen a colleitar éxitos e eloxios nos grandes festivais do sector. “Sigue o teu instinto”, protagonizado pola actriz Celia Freijeiro, vén de acadar o galardón ao mellor vídeo de produto dentro da categoría de turismo cultural na duodécima edición do Amorgos Tourism Film Festival (Grecia). A peza foi unha das 25 premiadas nun certame no que participaron 135 cintas competidoras procedentes de 37 países. O galardón chega apenas dez días despois da novena distinción, recollida no Festival Internacional ART&TUR de Aveiro, (Portugal).
O premio sigue a estela do anterior audiovisual da Deputación, “Fame de Experiencias”, que xa gañara en Amorgos no 2020, no seu caso dentro do apartado de turismo gastronómico. Con este galardón “Segue o Teu Instinto” suma, desde o inicio da súa andadura no circuíto de festivais internacionais, recoñecementos no FilmAT Festival de Varsovia (Polonia), ITTF África (Sudafrica), Fitur Travel Video Competition (Madrid), The Golden City Gate (Berlín), Tourism Film Festival (Turquía), Silafest (Serbia), Terres Festival de Tortosa, Tourfilm Riga (Finlandia) e o ART&TUR luso.
O festival de Amorgos congregou durante seis días a representantes do sector turístico, audiovisual e dos medios especializados para debater sobre desenvolvemento turístico, produción audiovisual e novas tendencias en video-marketing de viaxes. O xurado valorou, para decidir os premios, o “impacto, concepto, creatividade, storytelling, obxectividade, orixinalidade, produción técnica e narrativa visual”.
24 premios internacionais
O certame forma parte do circuíto do International Committee of Tourism Film Festivals (CIFFT), que premia as mellores pezas turísticas de catro continentes. “Fame de Experiencias” obtivo en 2020 o título de mellor película turística do mundo desta prestixiosa entidade.
Con este novo premio “Sigue o teu instinto” e “Fame de Experiencias”, ambas producidas por Esmerarte Industrias Creativas, suman 24 galardóns internacionais en diferentes categorías, desde turismo gastronómico, de natureza, cultural, de aventura ou rural. As distincións referendan a aposta da Deputación por un modelo sostible que promociona os valores naturais do territorio e o produto local; e certifican a calidade das pezas audiovisuais presentadas pola institución provincial nos grandes certames audiovisuais do sector.
Alerta