10 septiembre, 2021
O vídeo protagonizado por Celia Freijeiro gaña o 1º Premio en Produto Turístico no Silafest de Serbia, e o Ouro no Terres Festival Produto Turístico/Destino Rural.
Carmela Silva: “Competimos cos mellores destinos do mundo, e estes premios permítenos situarnos a nivel internacional, e facer unha promoción que é impagable”.
O audiovisual da promoción turística 2020 da Deputación de Pontevedra, “Sigue o teu instinto”, sigue a estela do seu antecesor “Fame de Experiencias”, que logrou en 2019 ata 14 premios internacionais. O vídeo, producido por Esmerarte e protagonizado pola actriz Celia Freijeiro, vén de obter dous novos galardóns, e xa van 6 no seu percorrido por los principais festivais turísticos do mundo.
“Sigue o teu instinto” ven de recibir no Silafest de Serbia o 1º Premio en Produto Turístico na categoría Blue Danube, un festival de turismo no que tamén foron galardoados filmes de Italia, Austria, Reino Unido, Lituania, Xapón, Sudáfrica, Lituania, Portugal, Grecia ou Eslovenia entre outros países. O audiovisual da Deputación tamén conseguiu o Premio “Ouro en Produtos Turísticos / Destino Rural” no Terres Festival de Tortosa, certame que busca amosar producións que incentiven a maxia da viaxe ,especialmente o descubrimento de contornas naturais, e que promovan o desenvolvemento sostible. No Terres Festival competía con outros 74 audiovisuais doutros lugares de España e do mundo como Irán, Croacia, Italia, Grecia, Estados Unidos, Eslovenia, Sudáfrica, Polonia ou Portugal.
A Presidenta Provincial, Carmela Silva, destacou hoxe estes novos galardóns acadados competindo “cos destinos máis potentes do mundo”, e subliñou a dobre vertente que supoñen, tanto polo recoñecemento á calidade dos vídeos presentados pola Institución, como pola difusión do destino da Provincia que supoñen a nivel internacional: “É certo que os nosos vídeos están a ser moi potentes e están a obter o recoñecemento dos grandes festivais de vídeos turísticos en todo o mundo,salientou. Iso non só serve para amosar a calidade audiovisual dos produtos que presentamos e que son o elemento da nosa promoción, senón que nos permiten tamén situarnos e facer unha promoción internacional que é impagable. Costaría millóns de euros ter esta posición nestes lugares nos que presentamos os nosos vídeos”.
“Sigue o Teu Instinto” é unha produción de carácter intimista centrada en aspectos relacionados coa natureza, o turismo de benestar, a sustentabilidade e o medio ambiente, en liña coa aposta da Deputación polos ODS e a Axenda 2030. Recolle tamén cuestións relacionadas co respecto aos animais e á fauna, a acción ecolóxica cidadá e institucional, e a oferta de turismo rural, activo e de aventura na provincia de Pontevedra.
Con estes dous novos premios en Serbia e Tarragona son xa seis galardóns acadados polo audiovisual da Deputación este ano: “The Golden City Gate” de Berlín, como un dos mellores audiovisuais de ecoturismo do mundo; o Ouro no Festival ITTF África (Cape Town); o mellor vídeo de promoción de produto turístico no Fitur Travel Video Competition de Madrid, e o Ouro no Tourism Film Festival de Turquía, na categoría de produto turístico.
Alerta