SmartPeme pon en marcha esta próxima semana outros catro obradoiros online

Compartir
SmartPeme. Fonte: Deputación

Ata o 23 de setembro o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre ciberseguridade, LinkedIn e dominios web.

 

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre as contramedidas básicas de 2021 en ciberseguridade, LinkedIn para empresas turísticas e a contratación e renovación de dominios web.

En concreto, este martes 21 impartirase o obradoiro “Ciberseguridade, contramedidas básicas 2021 I”. Estará a cargo de Manuel Freire, experto universitario en Robótica e impresión 3D, quen falará dos posibles riscos que supón o emprego de internet e dará a coñecer unha serie de contramedidas básicas que nos axudarán a estar máis protexidos cando naveguemos pola rede.

O mércores 22 será a quenda de “LinkedIn para empresas turísticas” a cargo de Sonia Torres, posgraduada en Xestión e Dirección de Empresas Turísticas, quen se centrará nas súas páxinas de empresa, os LinkedIn stories e as boas prácticas para sacar partido desta rede, especialmente cando a clientela está formada por empresas ou por un determinado tipo de persoas profesionais.

Para finalizar, o xoves 23 pola mañá, Manuel Freire continuará a súa formación en “Ciberseguridade, contramedidas básicas II”, obradoiro que xirará arredor da actualización de software, as copias de seguridade e os antivirus. Xa pola tarde, Guillermo Nass, deseñador gráfico publicitario, impartirá “Aspectos chave para contratar e renovar o dominio da túa web II”, onde desvelará que é unha hospedaxe, a súa tipoloxía e como contratala.

As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPeme na url de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 020.