Smartpeme pon en marcha esta semana outros catro obradoiros online

Compartir
Cursos en líña. Fonte: Deputación

Ata o 4 de novembro o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre fabricación dixital, posicionamento local e márketing.

 

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versarán sobre o novo itinerario iniciado o pasado mes de outubro en fabricación dixital, a mellora do posicionamento local dunha empresa turística e a creación dun plan de márketing.

En concreto, este martes 2 impartirase o obradoiro “Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape IV – Partstudio IVDIO II”. Estará a cargo do experto universitario en Robótica Manuel Freire, quen dará a coñecer as tecnoloxías implicadas no proceso de fabricación dixital, tanto a nivel teórico como a nivel práctico. Os/as participantes terán contacto real coa tecnoloxía e poderán experimentar con ela, chegando a deseñar e fabricar por si mesmos unha peza no Fab Lab.

O mércores 3 será a quenda de “Como mellorar o posicionamento local da túa empresa turística”, a cargo de Mariana Rosa, graduada en turismo. Esta explicará como sacar o mellor rendemento á xeolocalización dos establecementos, como optimizar e profesionalizar a páxina de Google My Business e Google Ads e ferramentas complementarias para mellorar o posicionamento local dunha empresa turística.

Finalmente, o xoves 4 pola mañá, Manuel Freire impartirá “Fabricación Dixital. Laminador cura II”, como continuidade do obradoiro do martes. Pola tarde, a posgraduada en Comunicación Corporativa María Aller pechará a formación da semana con “Crea un plan de márketing para a campaña de nadal”. Neste taller Aller orientará aos usuarios/as para realizar un plan de márketing co obxectivo de aumentar o número de clientes durante estas festas mediante o emprego de ferramentas como as redes sociais, Google Adwords, Facebook Ads e a monitoraxe. Amais, amosará tamén exemplos de campañas exitosas que lle poidan servir de inspiración.

As persoas interesadas poden inscribirse a través do sitio web de SmartPeme na url de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo ao enderezo info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 020.