SmartPeme pon en marcha esta semana outros tres obradoiros on line

Compartir
SmartPeme. Fonte: Concello

O programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación oferta cursos sobre márketing social, Google Search Console e dominios web.

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas de xeito online, da carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre as estratexias dixitais do márketing social, como mellorar o posicionamento web con Google Search Console e a contratación e renovación de dominios web.

En concreto, este martes 14 impartirase o obradoiro “Márketing social: estratexias dixitais para entidades do terceiro sector”, no que o licenciado en Comunicación Audiovisual, Adrián Fernández, revisará as principais estratexias en liña, ferramentas e canles dispoñibles para funcionar no contorno dixital, atendendo aos principais obxectivos e necesidades de cada negocio.

O mércores 15, María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá “Mellora o teu posicionamento web con Google Search Console”, obradoiro no que explicará en que consiste esta ferramenta, os primeiros pasos para configurala, como mellorar os aspectos de procura e aumentar o tráfico dunha páxina web e outras funcións importantes para a súa optimización.

Para finalizar, o xoves 16, “Aspectos chave para contratar e renovar o dominio da túa web I”, onde Guillermo Nass, deseñador gráfico publicitario do Colexio Universitario Monseñor de Talavera, falará sobre que é un dominio, como pode adaptarse ás necesidades dun negocio, como aloxalos en internet, a súa tipoloxía e a súa transferencia e renovación