Sostemento de espazos públicos acomete pavimentacións en 15 rúas da cidade

Compartir
Poza da Barcia 1. Fonte: Concello

A Concellaría que xestiona Eva Vilaverde xa realizou reposicións do firme en Poza da Barcia e nun carril de Rafael Areses.

A empresa adxudicataria do contrato de Sostemento de espazos públicos urbanos traballa hoxe en Juan Bautista Andrade.

Nos vindeiros días e semanas están programadas pavimentacións en Vilar Ponte, Valdecorvos, Palamios ou en distintas rúas do barrio de Monte Porreiro.

 

 

Coa chegada do outono, a Concellaría de Sostemento de espazos públicos que xestiona Eva Vilaverde comezou os traballos de reposición do firme e pavimentación de distintas rúas da cidade. O obxectivo é reparar danos ou deterioros dos asfaltados en distintos puntos da cidade dende Poza da Barcia no Marco, até Juan Bautista Andrade ou o barrio de Monte Porreiro.

A reposición destes firmes van a cargo do contrato de Sostemento dos espazos públicos urbanos que executa a empresa Covsa, por valor de 450.000 euros para 2021. Estas pavimentacións poden ser totais o parciais (dun carril) en función do estado no que se atopan as vías.

As melloras comezaron a pasada semana co bacheo da rúa San Amaro para que estivera en bo estado de cara ao vindeiro 1 de novembro, Día de Todos os Santos.

Nesta semana repúxose o firme na rúa Poza da Barcia, unha vía de servizo para varias vivendas no barrio do Marco, e tamén a pavimentación dun carril da rúa Rafael Areses.

Hoxe mesmo a empresa concesionaria do contrato de sostemento dos espazos públicos, Covsa, está a acometer a reposición do firme na rúa Juan Bautista Andrade, dende o cruzamento da rúa Luís Otero até a altura da rúa Cordón. Esta actuación complétase coa instalación de redutores de velocidade no Cordón e tres en Francisco Asorey.

A semana rematará coa pavimentación da rúa Valdecorvos, ao carón da Capela de San Amaro, que será o venres, 29 de novembro.

Logo da ponte festiva de Todos os Santos, a Concellaría continuará o martes 2 de novembro con pavimentacións na rúa Antón Vilar Ponte.

O día 3 instalarase un redutor de velocidade e elevarase o cruzamento da rúa Palamios. Neste punto o departamento que xestiona Eva Vilaverde creará un paso sobreelevado á altura do ximnasio que hai na rúa, e outro paso de peóns elevado no acceso á rúa Rosalía de Castro. Tamén se sinalizará horizontalmente a dobre dirección na traseira do instituto Sánchez Cantón para aclarar as prioridades de tráfico neste ámbito de acceso a varios garaxes da rúa.

O xoves 4 e o venres 5 de novembro, acometeranse distintas reposicións do firme no barrio de Monte Porreiro. En concreto, están previstas actuacións en distintos carrís das rúas Italia, Portugal, Alemaña, Reino Unido, Armórica e Bélxica.