27 febrero, 2024
A campaña municipal de loita contra esta especie invasora repartiu onte preto de 400 trampas entre apicultores e colaboradores mosenses
A iniciativa continuará durante os meses de marzo, abril e maio con actividades de todo tipo, entre elas didácticas e divulgativas
Os activos implicados nesta campaña, apicultores, GES, Protección Civil e Emerxencias elaboran un informe para solicitar colaboración autonómica
Onte pola tarde celebrouse no Concello unha xuntanza entre apicultores de Mos e a concelleira de Medio Ambiente, Laura Méndez, xunto co edil de Emerxencias mosense, Leo Costas.
Na reunión de onte con apicultores de Mos e colaboradores na Campaña STOP Velutinas, repartíronse as trampas para cada un dos colaboradores, xa que este é o momento ideal e crucial para instalalas co obxectivo de matar ás raíñas.
Ademais a concelleira mosense de Medio Ambiente informou de que en abril impartirase unha charla informativa e divulgativa co obxectivo de concienciar e dar a coñecer a problemática e o perigo que a proliferación crecente desta especie invasora supón tanto para a flora como para a fauna e as persoas.
No mes de maio, desde a concellería de Medio Ambiente, distrubuiranse tamén sprays para desactivar os niños que no mes de xuño acadan a súa maior actividade.
Pola súa banda o concelleiro de Emerxencias, Leo Costas, adquiriu o compromiso de destinar o 50% dos efectivos dos GES para que os membros deste Grupo de Emerxencias Supramunicipal reciban formación e que desenvolvan labores de erradicación da Velutina en Mos.
Finalmente, todos os activos implicados nesta campaña denominada STOP Velutinas, apicultores, colaboradores, Emerxencias, Protección Civil e GES de Mos acordaron elaborar un informe conxunto que consistirá nunha memoria das actuacións levadas a cabo durante o ano pasado e remitirllo á Xunta para solicitar máis medios, así como unha maior investigación sobre a especie da Vespa Velutina que permita maiores avances na loita contra ela.
En total, na reunión de onte distrubuíronse preto de 400 trampas para Velutina, adquiridas con fondos propios municipais, entre apicultores e colaboradores das 10 parroquias do Concello de Mos.
Coas repartidas nas dúas campañas previas, Mos suma xa as 1.200 trampas instaladas por todo o termo municipal.
Esta trátase dunha campaña anual de prevención contra a Velutina que desde fai anos vénse desenvolvendo por parte da administración local mosense. A idea é ir ano tras ano sumando trampas para facer unha rede e ser máis efectivos no trampeo das raíñas nesta época.
O obxectivo desta campaña é dotar aos apicultores mosenses, que durante o verán axudan ao Servizo Municipal de Emerxencias de Mos a eliminar niños de velutina, dun reforzo na loita contra esta especie invasora, baseado en medidas de prevención.
A instalación das trampas faise nas 10 parroquias e realizarana entre máis dunha vintena de apicultores mosenses que participan nesta iniciativa e que, tras a colocación das trampas, encargaranse de vixilalas para que se conserven en bo estado e controlar que conteñen a cantidade necesaria de líquido atraente, ou repoñelo en caso contrario.
A instalación das trampas comezará xa, que é cando saen as raíñas que ata o de agora atopábanse hibernando.
Desde o Concello de Mos infórmase de que a campaña de trampas repítese cada ano. Os pasados 2022 e 2023 xa se repartiron e instalaron outras 400 unidades por ano. Dado que cada trampa dura varios anos, deste xeito lógrase que este ano cada parroquia mosense conte xa con 120 trampas instaladas; un total de 1.200 en todo Mos.
A edil de Medio Ambiente, Laura Méndez, declaraba que “na prevención está a clave para poder ter un verán e un outono libre de velutinas, polo que desde o Concello de Mos, ademáis de investir nesta campaña de trampas profesionais, anímase aos particulares a elaborar trampas caseiras que poden colocar nas súas fincas”.
Méndez Senlle destacou para rematar que “a pesares de non ter competencias nesta materia, desde o Concello de Mos implicámonos fortemente na prevención e eliminación da Vespa Velutina, coñecedores da importancia que teñen campañas deste tipo e da preocupación que esta especie invasora xera non só entre o colectivo dos apicultores, senón entre a veciñanza en xeral”.
Alerta