28 octubre, 2021
A cidade celebrará entre o sábado 30 de outubro e o luns 1 de novembro o XXIII Campionato Internacional Cidade de Pontevedra, organizado polo Club Mace Sport.
O evento, no que colaboran a Concellería de Deportes e a Deputación, conta cun milleiro de taekwondistas inscritos en categorías Precadete, Alevín, Júnior, Cadete, Absoluta e Máster.
O Pavillón Municipal dos Deportes prepárase para acoller entre o sábado 30 de outubro e o luns 1 de novembro potencia, precisión e talento ‘a patadas’ coa celebración do XXIII Campionato Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra. No evento, organizado polo Club Mace Sport en colaboración coa Concellería de Deportes, a Deputación Provincial e as federacións galega e española da disciplina, participarán máis dun milleiro de taekwondistas de categorías Precadete, Alevín, Júnior, Cadete, Absoluta e Máster, que exhibirán a súa velocidade, destreza e precisión nunha das competicións máis espectaculares do noso calendario deportivo.
Trátase dun campionato de combate puntuable para o ránking galego e para idades de formación infantil, Precadete e Máster, e tamén de técnica de ránking nacional puntuable para o Campionato do Mundo e de técnica infantil. Nel participarán, ademais de deportistas de toda Galicia, taekwondistas de clubs procedentes de diferentes puntos da península, como Castela A Mancha, Cataluña, Alicante, Asturias, Madrid, Bilbao, Tenerife ou Portugal.
O Cidade de Pontevedra foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides; a vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo, Esperanza Meilán; a directora de Banca Persoal de Abanca, Bárbara González, e o presidente do Mace Sport, Miguel Cortegoso. O máximo responsable do club pontevedrés destacou que, alén da elevada particpación, “este é o primeiro grande campionato de taekwondo que se celebra aquí en Galicia, con tódalas garantías, seguindo o método de puntuación co que se compite nas Olimpíadas e cun sistema de vídeo-repetición dos mellores que existen, con catro cámaras para poder ver as imaxes desde catro ángulos diferentes, o que non se fai noutros eventos na nosa comunidade, só en Pontevedra”.
“O Campionato vaise transmitir en directo, vía streaming. Haberá seis pistas de competición e, como novidade este ano, facilitarémoslles ademais aos deportistas dúas pistas de combate-adestramento e outras dúas de adestramento”, apuntou o presidente do Mace Sport.
Tino Fernández explicou que, ao pouco de chegar á Concellería de Deportes no ano 2011 foi convidado por primeira vez a este torneo, que naquel momento se desenvolvía no pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe, “abarrotado de xente pola mañá e pola tarde”, quedando impactado “pola cantidade de persoas que practicaban taekwondo e paixón que lle puñan deportistas e organizadores”. “Naquel momento, eu díxenlle a Miguel, sinalou o tenente de alcalde, que o taekwondo merecía ter a visibilidade que dá celebrar as cousas no Pavillón Municipal dos Deportes e, desde entón, sempre tentamos que a proba se fixese alí. Creo que o taekwondo ten unha enorme potencia como deporte, como espectáculo e tamén como ensinanza de vida, porque ensina a vivir e comportarse dun xeito determinado… Este ano, cumprindo a miña promesa, voltamos á casa do taekwondo, o Pavillón dos Deportes, e estou orgullosísimo e encantado de que así sexa, de que se supere o milleiro de participantes e de que se siga innovando”.
Alerta