11 mayo, 2024
• O último galego, Iván García, competirá o domingo.
Os taekwondistas galegos Tania Castiñeira (+73, Hebe), Alma Pérez (-53, Suh Sport) e Sergio Troitiño (-87, Mat ́s) caeron nos cuartos de final do Campionato de Europa Sénior, que se está a disputar estes días en Belgrado.
Curiosamente, os tres deportistas que venceron aos galegos se proclamaron posteriormente campións de Europa nos seus pesos. O cuarto galego clasificado para o Europeo, Iván García (+87, Mat ́s), competirá o último día de competición, o domingo.
Alma Pérez (-53, Suh Sport) arrincou o campionato ante a ucraína Sofiia Khobtar, unha descoñecida para a nosa deportista. O primeiro asalto estivo bastante pechado, pero Alma venceu por 2-0. No segundo, a galega estivo moi cómoda con tres accións abaixo e unha arriba para pechar a vitoria. Nos cuartos esperaba unha gran competidora, a rusa Tatiana Minina, subcampioa olímpica en Tokyo e clasificada para os Xogos de París, e a nosa representante non tivo opción. Minina venceu en dous rounds e rematou coas opcións da galega. A loita comezou igualada e Alma estivo metida no primeiro asalto ata o final (perdía 1-0), pero no tramo final arriscou e perdeu. O segundo foi dominado pola rusa, que finalmente se proclamou campioa de Europa.
Pola súa banda, Tania Castiñeira (+73, Hebe) superou en tres asaltos a grega Agoritsa Artemia Kitsiou, e a pesar do resultado foi un combate bastante cómodo. No primeiro asalto venceu fácil e no segundo, a pesar de ter moitos rexistros, perdeu 1-0. No terceiro non deu a máis mínima opción cun contundente 8-1.
Nos cuartos encóntrase coa alemá Lorena Brandl, un dos referentes mundiais neste peso e coa que xa se enfrontou moitas veces Tania. A galega perdeu no terceiro asalto, nun combate moi igualado e fermoso. No terceiro round Tania ía gañando por rexistros (2-2), pero a falta de cinco segundos Brandl se puxo por diante (4-2) nunha acción acertada e xa non houbo tempo para a reacción.
No peso de Sergio Troitiño (-87, Mat ́s) houbo cambios no cuadrante e finalmente arrincou a competición ante o belga Manuel Pollet, un taekwondista grande e con moi boa perna, ao que superou en dous asaltos.
No inicio, Sergio non estaba excesivamente cómodo, pero a medida que avanzaba o combate foise encontrando mellor para avanzar con facilidade ata os cuartos. Aí esperaba o turco Enbiya taha Bicer, cun estilo diferente, máis de rúa, duro.
Nun principio, Sergio foi sorprendido polo turco e a súa forma de pelexar, pero reaccionou moi ben para impoñerse no segundo round por un 17-10 que mostra o que se vía no tapiz.
Pero no terceiro, cando o turco ía por diante cun 3-1, Sergio recibiu unha puñada que o tombou e o descolocou. Pese a todo, Troitiño está moi satisfeito deste primeiro Europeo Sénior, “onde puiden enfrontarse a xente moi boa”.
Iván García (+87, Mat ́s) sairá ao tapiz o domingo, último día do Europeo, co obxectivo de
loitar polas medallas.
Alerta